26/2/10

Crepúsculo e Pedro Ramos





O día 24 de febreiro veu o instituto o escritor Pedro Ramos para comentar o libro "Crepúsculo", todo un best-seller mundial.
No clube de lectura comentamos moitas cousas, por exemplo, se nos gustaba o actor que escolleran para o papel protagonista, Edward Cullen e tamén se a historia era orixinal ou non.
Tiñamos que convencer á directora de que lera os libros, e conseguímolo. A maioría dos alumnos estabamos de acordo con que "Lúa Nova" era o peor da saga e "Eclipse" o mellor.
Tamén comentamos que papel desempeñaba a manada Quileute na saga. E, por último, chegamos á conclusión de que fixeron un estudo de mercado para saber que era o que máis lle gustaba ás adolescentes.
En definitiva, un clube de lectura que nos gustou moitísimo e esperamos que se repita con seguintes libros da saga.
Beatriz Simó e Yolanda Fernández 4ºB

24/2/10

Club de lectura: A esmorga


Este pasado venres 19, os alumnos de 2ºC de Bachalerato fixemos un pequeno clube de lectura no que cadaquén expuxo as súas impresións e conclusións acerca do libro que leramos, “ A esmorga”.A esmorga é un libro escrito por Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897 – Vigo 1979).A obra foi publicada no ano 1959. Nela, o autor, cóntanos unha historia que lle contara o seu tío e que sucedera cando só tiña 5 anos, polo que é unha historia de comezos do século XX .


“Esmorga” é unha palabra galega moi enxebre e que significa algo así como troula, festa.Toda a obra está ambientada nesa época e conta a historia de tres mozos(Cibrán, o Bocas e o Milhomes) que pasan unha noite de troula con graves consecuencias. A historia é contada por un deles, Cibrán, que a través do recurso do fío telefónico ( Cibrán fala con alguén que o está a interrogar pero os lectores non sabemos as respostas do receptor) nárranos como sucederon os acontecementos. É así pois un drama cheo de recursos cómicos, pois ás historias graciosas que lles ocorren, ademais hai que engadir o vocabulario vulgar que chegan a empregar os personaxes, co que o autor consegue facernos escachar de risa.No noso clube, as principiais conclusións que tiramos todos son que, por unha parte, é un libro entretido é fácil en canto á trama, pero un pouco complicado en canto á linguaxe que utiliza, pois é unha variante dialectal propia da cidade onde está ambientado, en Auria (Ourense). Outro aspecto que merece ser mencionado é o feito de que nesta obra Blanco Amor danos unha visión distinta da sociedade, pois a través dela fai unha forte crítica á mesma facendo fincapé nas diferencias existentes entre as clases sociais e facendo unha forte crítica á falla de comunicación que había coa xustiza, dado que os xuíces eran foráneos e non entendían o galego. En conclusión, invítovos a todos a que vos anímedes a ler esta obra, que é un fito da literatura galega.


Unha aperta, vémonos de esmorga!.


Sabela (2ºbach)

18/2/10

Club de lectura: Ollos de agua

Domingo Villar




O martes día 11, reunímonos ás cinco da tarde na nosa biblioteca para comentar cun grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato a novela Ollos de agua de Domingo Villar, da que destacaron que era interesante que unha novela de xénero policíaco estivese ambientada en Galicia, concretamente na cidade de Vigo. Deste xeito o seu autor aproveita así para amosar a súa terra, os seus costumes, as xentes, as formas de vida galegas. Os personaxes tamén foron amplamente comentados, especialmente o inspector Caldas e o seu axudante Estevez, destacando o contraste existente entre eles. Finalmente, o desenlace da obra foi outro dos puntos de interés da análise e o comentario bastante unánime foi que decepcionou un pouco. As opinións máis secundadas foron as de que todo sucede demasiado depresa e dun xeito brusco, como se houbese que rematar o relato e non se soubese moi ben como facelo ou como se houbese presa por acabar.
De todos xeitos o balance xeral foi positivo e a novela gustou. Quedamos para ler a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados. Ademais este libro levounos a outros do mesmo xénero e unha profesora propuxo ler Asasinos sen rostro do autor sueco Henning Mankel.


Así que xa sabedes, apuntádevos a algún dos dous libros que seguro que o disfrutaredes.

11/2/10

Catalogando libros, atopeime con este da colección O Moucho que editara en tempos Edicións Castrelos. Chámase O Libro do Amor, está recollido da Literatura Popular e a escolma faina Darío Xohán Cabana, (o académico e poeta que nos visitou o curso pasado). Pasando as follas e vendo as datas en que estamos, pensamos que sería bonito que os namorados dérades de agasallo....un verso. Aí van algúns:

Amoriños collín
á beiriña do mar;
amoriños collín,
non os podo olvidar.

As estrelas corren, corren,
todas nunha carreiriña;
tamén corren os amores
da túa man para a miña.

Meus ollos choran por verte,
meu corazón por amarte;
meus pés, por chegar a tí,
meus brazos, por abrazarte.

Tamén atopamos para os desenganos amorosos:

Namoréime, namoréime,
non me soupen namorar;
namoréime dunha nena
que non me soupo estimar.

O día que me esqueciche
¡ meus ollos cánto choraron!
Tanto foi, que dos meus ollos
seca a fonte me deixaron.

Os ollos con que me miras
ollos de taimado son;
non fagas decir ós ollos
o que non dí o corazón.



Ou versos retranqueiros para os namorados:


Coidan os enamorados,
coidan e non coidan ben,
coidan que ninguen os mira
e todo o mundo os ve.

Maruxiña vai na fonte,
moito tarda, que non ven;
ou rompeu o cantariño
ou moitos amores ten

MORRE J.D. SALINGER

Falece aos 91 anos J.D.Salinger (28 xaneiro 2010)

Lembramos o Club de Lectura do pasado 13 de abril cando comentamos as andanzas de Holden Caulfield, protagonista de The Catcher in the Rye, O vixía no Centeo, entre as xentes de Nova Iorque, revelándonos o vacío social e os falsos valores encontrados polos xóvenes da época.

Salinger fai un canto ao individualismo, que queda firmemente insertado na conciencia do século XX. O escritor só publica catro obras na súa vida, e dá dúas entrevistas, na última ao xornal New York Times, en 1974, nela recoñece que segue escribindo diariamente, porque non sabe vivir doutro xeito, pero que goza do privilexio de non publicar, pois considera que colocar os seus libros nas tendas é unha intromisión á súa privacidade.

Puido vivir comodamente só cos dereitos de autor de O Vixía no Centeo, que ainda hoxe vende uns 250.000 exemplares anuais só nos Estados Unidos.

O Vixía no Centeo, gañou a etiqueta de libro maldito, e foi obxecto de campañas pedindo a súa censura, a pesar diso hoxe é lectura obrigatoria en moitos institutos.