
El chámase Isaac. Cando entra pola porta do Instituto todos aplaudimos. Camiña devagariño polo patio central con cara de abraio ante a explosión de cores e figuras pintadas que inundan o espacio. O conxunto de pinturas que forman a exposición baseada na súa obra pictórica compón unha policromía musical e luminosa, acompañada pola letra dunha cantiga que pronuncian espontáneamente as balconadas do muro do recinto. Ao tempo que camiña, vai recibindo saúdos, bicos, sorrisos... No corazón do patio, unha mesa verde disposta para a ocasión agarda. Os músicos, gaiteiros, gaiteira, pandereiteiras, tamborileiro, inician o acto. O director case non fala, non quere roubar as palabras que di son deles, dos alumnos, das alumnas, porque a homenaxe sae deles, e así é. Paula, cunha luz de anxo nos ombreiros, pregoa as actuacións en nome de todos. Lito, de Samoedo, ex-alumno, ergue a súa voz reivindicando a historia, "o nome do instituto era unha débeda que os sadenses tiñan con Isaac, (...) creador de luces naquel mundo de tebras". Mónica eleva a temperatura do salón acentuando "o momento histórico que estamos a vivir"e faise portavoz do sentir do alumnado. Paula, Isamel e Iago préstanlle a súa voz emocionada a Luís Seoane "María das Batallas / dareiche unha frol por cada bala". Zeltia, Noela e Olalla entoan a capela o cantar de cego que acompaña á Nave espacial de Díaz Pardo, tamén na exposición. Cando Isaac toma o micro para se dirixir ao público, móstrase confundido, parece non saber moi ben por que está alí, porque é a persoa máis humilde e pensa que en realidade el non fixo nada, non ten mérito ningún. Louba con voz tenra os traballos do alumnado, dos profesores que os dirixiron, iso si que ten mérito para el. Quere tamén recoller as palabras alí pronunciadas, os poemas, as cancións. Quere levalas con el, para lelas ben, para enteirarse ben de todo, xa que teme non ter escoitado todo ben. Pídeo cunha firmeza suplicante que impresiona... E por fin o agasallo. Preparado no taller de cerámica do IES. Unha escultura da cor da terra. Isaac apértaa con forza, con emoción. Na hora máis que vai ficar con nós, non a vai querer soltar en ningún momento, pese a insistencia das dúas mulleres que o acompañan e que se oferecen a levala por el.
Subimos a visitar a Biblioteca. Alí senta para asinar no libro de personaxes ilustres. A súa será a primeira sinatura. A bibliotecaria preséntalle o volume; o acto adquire entón unha solemnidade litúrxica. Alí estamos unhas vinte persoas e un silencio case místico envolve a situación durante o tempo que lle leva a Isaac facer unha grande e orixinal dedicatoria dirixida á mocidade "xurdia" de Sada. Á primeira que lle preguntamos se viría unha tarde ao noso clube de lectura responde sen dubidalo que si, que dispoñamos del. Tanta xenerosidade nos turba. Entón unha profesora cólleo do brazo para conducilo ata o Taller de Cerámica.
Baixamos tras deles e alí deixase mimar como se o que está facendo fose para el a mellor cousa do mundo. Finalmente o tempo é chegado e acompañámolo á saída. Alí despídese de nós como se nos unise un lazo familiar que viñese de moi lonxe. Cun sorriso agarimoso e case infantil vainos dicindo adeus,
e ficamos sós...
Gracias, Isaac, o noso vello emigrante, gracias.
C.A.