
Hoxe tivemos un nova cita con club da lectura na nosa "Cova Céltica". Xesús Castro veu ao noso centro a participar con "Historias de Sada á lus do candil". A súa foi unha charla moi atractiva xa que todos queriamos saber como era a vila de Sada na época dos nosos avós. Por espacio dunha hora foi revivindo diferentes aspectos da vida aquí, aló polos anos 3o e 4o. Diversións, festas, bailes, as telleiras onde se fabricaban productos con barro, os xogos, a escola, o tranvía, a arquitectura mariñeira, a poboación, a emigración, e a guerra civil en Sada, foron dibuxándose na nosa imaxinación coa axuda do seu relato.
De cada un destes apartados podemos destacar algunhas anécdotas que pensamos non esquencer; por exemplo que nesta época se tardaban dúas horas no tranvía a Coruña, ou que a mocidade máis finoqueira da cidade viña acó a divertírse; tamén dicir que a poboación descendeu desde 1936 en Sada nunhas 2000 persoas a causa da emigración, . Falounos da Escola Sada y sus Contornos fundada por Lugrís Freire e na que el estudiou durante dous anos e de como esta escola foi incautada polos militares no 36 que a convertiron nunha especie de cuartel militar e de como a destrozaron. Outro aspecto da educación na vila era o de que as rapazas non podías ir á escola pública, tiñan que estudiar nas escolas privadas que impartían mulleres, como a das Boticarias. A única escola mixta foi a de Sada y sus Contornos cando a República, pero os rapaces estudiaban nunha parte da escola e as rapazas noutra. Tamén lembrou a chegada do tranvía a Sada e o seu percorrido con mención especial do Tranvía Siboney e de como cando chovía tiña que ir un home secando as vías ou botando area cando xiaba. A estructura da vila coas súas casas mariñeiras, o barrio da Tenencia que era moi bonito naquel entón e hoxe desaparecido pola especulación, outras casa modernistas, como A Terraza, e que tamén foron sendo derrubadas para construir novos edificios. O baile dos xóvenes no Moderno (hoxe Baroque) cun piso de arriba onde había palcos nos que se poñían as nais das rapazas para vixiar o que alí pasaba. Contounos que na parte alta deste edificio estaba antigamente o concello,
Canto a diversión da xuventude era semellante ao de agora pero non se facía botellón. A xente non bebía por beber. Si se bebía, facíase dunha maneira máis natural, porque había unha festa, no monte de Lixandre, e comendo mexilóns e bebendo no viño podías coller un chea sen decatáreste pero non era iso de xuntarse nun sitio e beber ata fartar.
Os xogos tamén tiveron o seu momento na parolada, "arcos de ferro", "a billa", "a uva"... "o fútbol era o máis importante, o que pasaba era que non había campo.
A guerra en Sada foi o suceso máis dramático ha historia da vila. O seu irmán tamén sufriu o horror da confrontación, morreu, desapareceu, non saben ben o que pasou. Como era de familia republicana, pasárono moi mal. En Sada pasouse moito medo, pola represión, mataban a xente sin ser de partidos políticos nin nada,
"matáronos simplemente porque non tiñan as mesmas ideas ca eles".
""Mataron a once persoas, deixábanos tirados pola carretera".
Conta que aqueles foron anos fame e miseria:
- "eu non sei nin como vivimos", di Xesús.
A conversa remata pero antes van circulando uns vellos libros que trouxo consigo de cando estudiou na Coruña, para ensinarlle aos rapaces, que os miraron con curiosidade e interese comprobando que diferentes eran dos de hoxe.
Xesús promete voltar outra vez para seguir contando as súas historias da vila e para falarnos de algo que parece entusiasmalo: os tranvías.
Ata pronto, entón.
C.A.