31/3/10

Uxío Novoneyra e Os eidos


Rincha o cabalo rinchón
peta o piquelo no encino
resga o gaio unha canción
e guíndaa dindes do ar
e vai voando sin tino
buscando outra noutro brelo
que ha de ter o mesmo sino.

Enche o cuco o val co seu cantar.


U.Novoneyra

30/3/10

A praia dos afogados

A praia dos afogados foi o libro que comentamos a semana pasada na nosa tertulia de A Cova Céltica. Luís Domínguez, médico de profesión, foi a persoa invitada nesta ocasión para comentarnos a obra de Domingo Villar. Entre o público estaban alumnos e alumnas de bacharelato e 4º da ESO, ademais contamos coa presencia da nosa directora. A tertulia foi moi entretida e os alumnos tamén tiñan curiosidade por saber cousas da profesión de médico. O doctor Domínguez respondeu con moita amabilidade e claridade a todas as preguntas formuladas e ademais aproveitou para falar da súa vocación de médico e insistiu moito na importancia de ler, novelas, ensaio... Posteriormente e como xa vén sendo habitual nos nosos clubes sorteamos entradas de cine entre os asistentes. Ao remate da sesión Luís Domínguez asinou no libro das visitas, deixándonos unha fermosa dedicatoria dirixida a todos os alumnos e alumnas do centro.

24/3/10

Ana Pillado e O día da muller






Ana Pillado participou o pasado día 9 de marzo nun clube de lectura que organizamos para conmemorar o día da muller. Ana presentou tres libros de tres escritoras diferentes:

As chaves do tempo da nosa benquerida Luísa Villalta, A xeira das árbores de Teresa Moure e Un cuarto de seu de Virxinia Woolf, libro este último do que dixo que exercera sobre ela unha grande influencia na súa etapa de adolescencia, marcándolle un camiño cara o feminismo.

Ademais agasallounos cun libro seu Fábula Mater (poema en 12 actos) composto por poesía e ilustracións que ela mesma fai. O libro foi dedicado para as "rapazas e rapaces" do IES.

Ana Pillado é profesora e ademais escribe, debuxa, e fai ilustracións como as capas do libro que reproducimos aquí

26/2/10

Crepúsculo e Pedro Ramos





O día 24 de febreiro veu o instituto o escritor Pedro Ramos para comentar o libro "Crepúsculo", todo un best-seller mundial.
No clube de lectura comentamos moitas cousas, por exemplo, se nos gustaba o actor que escolleran para o papel protagonista, Edward Cullen e tamén se a historia era orixinal ou non.
Tiñamos que convencer á directora de que lera os libros, e conseguímolo. A maioría dos alumnos estabamos de acordo con que "Lúa Nova" era o peor da saga e "Eclipse" o mellor.
Tamén comentamos que papel desempeñaba a manada Quileute na saga. E, por último, chegamos á conclusión de que fixeron un estudo de mercado para saber que era o que máis lle gustaba ás adolescentes.
En definitiva, un clube de lectura que nos gustou moitísimo e esperamos que se repita con seguintes libros da saga.
Beatriz Simó e Yolanda Fernández 4ºB

24/2/10

Club de lectura: A esmorga


Este pasado venres 19, os alumnos de 2ºC de Bachalerato fixemos un pequeno clube de lectura no que cadaquén expuxo as súas impresións e conclusións acerca do libro que leramos, “ A esmorga”.A esmorga é un libro escrito por Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897 – Vigo 1979).A obra foi publicada no ano 1959. Nela, o autor, cóntanos unha historia que lle contara o seu tío e que sucedera cando só tiña 5 anos, polo que é unha historia de comezos do século XX .


“Esmorga” é unha palabra galega moi enxebre e que significa algo así como troula, festa.Toda a obra está ambientada nesa época e conta a historia de tres mozos(Cibrán, o Bocas e o Milhomes) que pasan unha noite de troula con graves consecuencias. A historia é contada por un deles, Cibrán, que a través do recurso do fío telefónico ( Cibrán fala con alguén que o está a interrogar pero os lectores non sabemos as respostas do receptor) nárranos como sucederon os acontecementos. É así pois un drama cheo de recursos cómicos, pois ás historias graciosas que lles ocorren, ademais hai que engadir o vocabulario vulgar que chegan a empregar os personaxes, co que o autor consegue facernos escachar de risa.No noso clube, as principiais conclusións que tiramos todos son que, por unha parte, é un libro entretido é fácil en canto á trama, pero un pouco complicado en canto á linguaxe que utiliza, pois é unha variante dialectal propia da cidade onde está ambientado, en Auria (Ourense). Outro aspecto que merece ser mencionado é o feito de que nesta obra Blanco Amor danos unha visión distinta da sociedade, pois a través dela fai unha forte crítica á mesma facendo fincapé nas diferencias existentes entre as clases sociais e facendo unha forte crítica á falla de comunicación que había coa xustiza, dado que os xuíces eran foráneos e non entendían o galego. En conclusión, invítovos a todos a que vos anímedes a ler esta obra, que é un fito da literatura galega.


Unha aperta, vémonos de esmorga!.


Sabela (2ºbach)

18/2/10

Club de lectura: Ollos de agua

Domingo Villar




O martes día 11, reunímonos ás cinco da tarde na nosa biblioteca para comentar cun grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato a novela Ollos de agua de Domingo Villar, da que destacaron que era interesante que unha novela de xénero policíaco estivese ambientada en Galicia, concretamente na cidade de Vigo. Deste xeito o seu autor aproveita así para amosar a súa terra, os seus costumes, as xentes, as formas de vida galegas. Os personaxes tamén foron amplamente comentados, especialmente o inspector Caldas e o seu axudante Estevez, destacando o contraste existente entre eles. Finalmente, o desenlace da obra foi outro dos puntos de interés da análise e o comentario bastante unánime foi que decepcionou un pouco. As opinións máis secundadas foron as de que todo sucede demasiado depresa e dun xeito brusco, como se houbese que rematar o relato e non se soubese moi ben como facelo ou como se houbese presa por acabar.
De todos xeitos o balance xeral foi positivo e a novela gustou. Quedamos para ler a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados. Ademais este libro levounos a outros do mesmo xénero e unha profesora propuxo ler Asasinos sen rostro do autor sueco Henning Mankel.


Así que xa sabedes, apuntádevos a algún dos dous libros que seguro que o disfrutaredes.

11/2/10

Catalogando libros, atopeime con este da colección O Moucho que editara en tempos Edicións Castrelos. Chámase O Libro do Amor, está recollido da Literatura Popular e a escolma faina Darío Xohán Cabana, (o académico e poeta que nos visitou o curso pasado). Pasando as follas e vendo as datas en que estamos, pensamos que sería bonito que os namorados dérades de agasallo....un verso. Aí van algúns:

Amoriños collín
á beiriña do mar;
amoriños collín,
non os podo olvidar.

As estrelas corren, corren,
todas nunha carreiriña;
tamén corren os amores
da túa man para a miña.

Meus ollos choran por verte,
meu corazón por amarte;
meus pés, por chegar a tí,
meus brazos, por abrazarte.

Tamén atopamos para os desenganos amorosos:

Namoréime, namoréime,
non me soupen namorar;
namoréime dunha nena
que non me soupo estimar.

O día que me esqueciche
¡ meus ollos cánto choraron!
Tanto foi, que dos meus ollos
seca a fonte me deixaron.

Os ollos con que me miras
ollos de taimado son;
non fagas decir ós ollos
o que non dí o corazón.



Ou versos retranqueiros para os namorados:


Coidan os enamorados,
coidan e non coidan ben,
coidan que ninguen os mira
e todo o mundo os ve.

Maruxiña vai na fonte,
moito tarda, que non ven;
ou rompeu o cantariño
ou moitos amores ten

MORRE J.D. SALINGER

Falece aos 91 anos J.D.Salinger (28 xaneiro 2010)

Lembramos o Club de Lectura do pasado 13 de abril cando comentamos as andanzas de Holden Caulfield, protagonista de The Catcher in the Rye, O vixía no Centeo, entre as xentes de Nova Iorque, revelándonos o vacío social e os falsos valores encontrados polos xóvenes da época.

Salinger fai un canto ao individualismo, que queda firmemente insertado na conciencia do século XX. O escritor só publica catro obras na súa vida, e dá dúas entrevistas, na última ao xornal New York Times, en 1974, nela recoñece que segue escribindo diariamente, porque non sabe vivir doutro xeito, pero que goza do privilexio de non publicar, pois considera que colocar os seus libros nas tendas é unha intromisión á súa privacidade.

Puido vivir comodamente só cos dereitos de autor de O Vixía no Centeo, que ainda hoxe vende uns 250.000 exemplares anuais só nos Estados Unidos.

O Vixía no Centeo, gañou a etiqueta de libro maldito, e foi obxecto de campañas pedindo a súa censura, a pesar diso hoxe é lectura obrigatoria en moitos institutos.

22/1/10

Méndez Ferrín o novo presidente da RAG

ferrin-rag-ies-sada
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín será o novo presidente da Real Academia Galega. A súa candidatura preséntase avalada polo presidente saínte Xosé Ramón Barreiro. O seu nomeamento terá lugar mañá sábado 23 de xaneiro, no salón de actos da Academia, na que fora casa de Emilia Pardo Bazán na coruñesa rúa de Tabernas, na cidade vella.

Méndez Ferrín naceu en Ourense en 1930. Exerceu a docencia, sendo catedrático de Lingua castelá e literatura. Foi nomeado tamén Doctor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e conta co premio nacional da cultura galega desde o pasado ano 2009.

17/12/09

O NADAL







ies+instituto+sada
O NADAL
A festa de nadal ten unha orixe pagá (Natalis Solis invicti) e xeneralizouse por Europa desde o S. XIII
As festas navideñas comezan coa celebración da Noiteboa o día 24 de decembro. Segundo Ramón Otero Pedrayo había en moitos lugares de Galicia unha tradición nesta festa, o chamado “Tizón de nadal”. O tizón é un cañoto grande dunha árbores e cada ano nesta data acendíase un tizón novo que substituía ao vello do ano anterior e que se deixaba arder ata a metade e despois gardábase como símbolo de boa sorte e poderíase encender no caso de treboadas para protexer contra elas.
As Panxoliñas e Vilancicos son cancións propias de Nadal. Nenos e mozos agrupábanse en coros ás veces improvisados e pasaban polas casas cantando algúns vilancicos que podían acompañados de golpear de cunchiñas, botellas pandeiros. O vilancico era o cantar rústico que os labregos interpretaban e a panxoliña é de carácter relixioso.
Os Reis
Esta celebración pasou de Oriente a Roma nos últimos tempos do Imperio Romano. Os mozos interpretaban o Cantar de Reis e recibían aguinaldos. Nalgúns lugares de Galicia organizábanse xantares entre os días 5 e 7 nos que participaban todos os veciños da aldea e o xantar era presidido por un rei e un vicerrei coroados para a ocasión. Para o banquete recollíanse vituallas por toda a vila. Durante eses días esquecíanse as diferencias e enemistades que houbese entre os veciños. O coro de mozos que ían cantando polas casas podían desplazarse ás aldeas veciñas da mesma parroquia e ían acompañados dunha serie de máscaras e un gaiteiro. Era unha conmemoración parateatral do nadal.




Un fato de labradores,
que todos somos galegos,
a Belen viñemos xuntos
co noso amigo o gaiteiro,
para ó son dunha alborada
cantar esta mañá cedo,
con moito lecer,, aquí
unha tonada a este Neno;
que che está de rechupete
e se non xa o veremos
(vilancico anónimo do S. XIII)

27/11/09

Anxo Fariña no IES Diaz Pardo de Sada

instituto+sada
O xoves 19 de novembro , Anxo Fariña , o autor dos Megatoxos , fixonos unha visita aos alumnos de primeiro da ESO. Falounos do seu novo libro e tamen os seus debuxos.Tamén nos ensinou un esquema de como facer un libro. Aparte de escribir os seus libros , tamén os ilustra. A nosa opinion xeral da actividade é que resultou moi interesante. Gustarianos que se volvera a repetir.


Sara Sande,Melisa Zapata,Itziar García e Silvia Méndez(1ºA)

Alumnos do IES Diaz Pardo de Sada visitan a biblioteca Gonzalez Garcés.


Os alumnos de 4º visitamos o día 26.11.2009 a biblioteca " Miguel González Garcés ". Unha vez alí reunimonos no salón de actos e a bibliotecaria esplicounos como funcionaban todas as bibliotecas de España en xeral, e concretamente esta que visitamos.

A continuación levounos por toda a biblioteca e fomos pasando polas distintas salas, por exemplo, a Sala de Actos(onde se presentan libros novos), a Sala Infantil (que está organizada por cores segundo as idades dos nenos), a Hemeroteca (onde podemos encontrar periódicos e revistas semanais, mensuais e anuais), a Fonoteca (onde se poden alugar películas, discos, etc.), Sala de Prestamo e de consulta.

Na entrada encontrase uns andeis onde se expoñen os libros dados de baixa, para que os podan coller quen queira, e tamén encontranse novidades.

Os libros clasificanse por un Código Decimal Universal (CDU).


Verónica Palma, Bea Simó e Leticia Vazquez(4ºB)

10/11/09

A biblioteca Suárez Picallo

instituto-sada

As alumnas e alumnos de 1º de ESO visitamos hoxe a biblioteca municipal Suárez Picallo. Alí explicáronnos o funcionamento da biblioteca e fixemos algunhas actividades que as bibliotecarias tiñan preparadas para nós. O primeiro que debemos saber e o significado da palabra biblioteca e a súa etimoloxía.

Biblioteca é unha palabra composta de dous elementos gregos "biblios" e "teca"que significan respectivamente "libros" e "almacén" e segundo o diccionario unha "biblioteca pública é o local onde se gardan os libros, e instalacións para telos, clasificalos, conservalos e para facillitar a súa consulta"

4/11/09

Alumnos do Instituto de Sada no Teatro

instituto-sada-teatro
EXCURSIÓN PARA VER A OBRA "CACHAI"


O pasado día 19 de Outubro de 2009, o curso de primeiro de bacharelato fumos cos profesores de Filosofía e Tecnoloxía a ver unha obra de teatro ó Forum Metropolitano. Saímos do instituto ás 11 da mañá e regresamos ás 14:15, aproximadamente. Ó chegar alí, unhas persoas déronnos regalos e caramelos, debido a que era o día Internacional do Cancro de Mama. Inmediatamente, fumos á sala do teatro e un home da Compañía introduciunos á obra titulada "Cachai", contounos a historia dun profesor que foi a Colombia e viu a situación que alí había. Tamén informounos da fame no mundo e preguntounos se sabiamos quen era o culpable. A obra tiña catro personaxes; dous actores e dúas marionetas. A obra trata de que un home chamado Don Zamora; protagonista da historia, fanlle unha entrevista para un revista, el cóntanos a historia da súa vida , como era antes do Golpe de Estado Chileno, como foi despois, como foi pasar fame, como entrou no mundo da arte e da interpretación, como foi o inicio da obra... Todo o que nos contaba formaba parte da obra. Esta obra trataba do paraíso despois da morte, interpretada por Don Zamora e a súa marioneta (que representaba ó seu irmán, que morrera despois do Golpe de Estado Chileno) e os dous aparecen disfrazados de esqueletos e é moi graciosa. En conclusión, a obra encantoume, non só porque nos explicou a situación Chilena antes e despois do Golpe de Estadoe tamén pola representación dos dous actores. A única pena foi que non nos puidemos quedar ó debate, xa que senón non chegábamos a coller ó autobús. Paseino xenial e gracias a Uxio por levarnos!


Paula Potrony Pardo 1ºA BACH.



Espectáculo construido a partir da experiencia de dous irmàns que quedan orfos a noite do golpe de estado de Pinochet e recollido nun encontro propiciado pola xira desta Compañía por Chile.
CACHAI é un dramático exemplo de como se relacionan necesidades e creación. Sobrevivir creando. Unha experiencia dura e un pracer vital.


Con: Adán Rodríguez, Lucas Escobedo.
Dirección: Pepe de Jiméndez


"Cachai" nace en Santiago de Chile, en uno de sus barrios pobres, cerrando deseos en cajas de madera claveteadas por los cuatro costados. Dramático ejemplo de como se relacionan necesidad y creación. Sobrevivir creando. Una experiencia dura y un placer vital. El triunfo de ese compromiso con el "estar en el mundo" por parte del actor Adán Rodríguez y mío es sin duda "ese contar el mundo" llamado "Cachai". ¿Cachai?


Pepe de Jiménez
Atención ao comentado por Claudia Neira Castro (1ºBachA) sobre o significado da palabra
"Encantoume a obra de teatro, por iso busquei a etimoloxía da palabra cachai. Cachai vén de verbo cachar, que entre outras cousas significa "entender". Esta palabra procede do inglés "catch", que significa"agarrar".Este verbo tamén se usa co significado de " manter relación sexuais".

30/10/09

Para que o pases de medo





para que o pases de medo nesta noite de difuntos!

28/10/09

Alumnos do Instituto de Sada no Teatro Rosalía de Castro

Por: Iago Teijeiro Cora (1ºBach B)

Argumento:
Na cidade de A Coruña, en 1958, un grupo de rapaces que estaban a facer a mili e un par de rapazas (unha delas filla dun coronel) encóntranse no bar dunha sociedade mui prestixiosa da cidade. Nese momento estase a celebrar un concurso, chamado "trampolín de estrelas", no que van participar os reclutas e máis un cantante de rock and roll que se fai chamar Elvis Montana. Durante o concurso "que dura un par de días"chegan os militares da garda persoal de Franco. Estes teñen uns problemas cos reclutas e máis coa muller do coronel antes citado.
Máis tarde Franco chega á cidade (os reclutas, cansados dos abusos dese réxime,intentan cometer un atentado contra Franco, pero este fracasa.

Por outra parte hai uns líos amorosos entre un dos reclutas e máis Elvis, xa que os dous queren á mesma muller. Ao final Elvis gaña o concurso, pero é o recluta quen se queda coa rapaza.


Personaxes:
Os dous reclutas, Elvis, a muller á que aman Elvis e máis o recluta, a filla do coronel, os dous militares de
alto rango, o coronel, a muller do coronel, o presentador do concurso, os músicos e máis a muller de Franco.

Lugar:
A Coruña, no Clube Náutico, no bar desa sociedade.

Tempo:
• Tempo histórico: Setembro do 1958.
• Tempo do relato: Uns días.

Opinión persoal:
A min, máis ca unha obra de teatro, pareceume un musical; o cal non é negativo, ó contrario. Encantoume a obra, sobre todo cando cantaban e bailaban con esa música dos anos 50-60. Tamén me gustaron os líos amorosos que tiñan o coronel, a súa muller e máis o militar de alto rango. Nunca vira unha obra (sen contar as obras que vemos nos institutos) e, para ser a primeira vez, foi unha boa experiencia e teño gañas de repetir.

22/10/09

Teatro: Glass City

O luns 26 de outubro imos ao teatro co alumnado de bacharelato, 1º e 2º (letras). No Teatro Rosalía Castro de A Coruña a compañía Teatro do noroeste porá en escena Glass City. Eduardo Alonso é o autor e director e con esta obra continúa o ciclo de obras dedicadas a cidades galegas. Anteriormente foron As damas de Ferrol e Imperial: Café cantante. Vigo 1936.

En Glass City, cidade de cristal, situámonos na Coruña de 1958 nos tempos do dictador Franco, quen viña de vacacións a Meirás no mes de agosto. Isto facía que durante ese mes A Coruña se transformase co acontecimento, convertíndose na capital. Aquí celebrábanse importantes recepcións e consellos de ministros no Palacio municipal. Tamén en diferentes sociedades civís tiñan lugar celebracións variadas e os membros da escolta de Franco, que eran sobre todo militares viñan disposto a pasalo en grande. O propio alcalde da época, Alfonso Molina participaba intensamente nestas festas, por este motivo naceu o dito "A Coruña divírtese mentres Santiago reza e Vigo traballa". Pero neste mesmo ano tiñan lugar outros acontecimentos importantes para a vida da sociedade, como foi a chegada das "juke box", as máquinas de discos, importadas de Estados Unidos. Nestas máquinas había cancións dos famosos da época: Elvis Presley, Paul Anka, Chubby Checker... Isto suporía unha auténtica revolución musical entre a mocidade coruñesa cambiando o seu estilo de vida...

16/10/09

O único que queda é o amor


Agustín Fernández Paz recibiu o premio nacional de literatura no presente ano co libro titulado

O único que queda é o amor. Un conxunto de dez contos compoñen esta obra na que o amor é o fio que lle dá unidade ao conxunto. O propio autor di que "todos falan da importancia do amor".

Ademais esta obra trata da importancia da lectura nas nosas vidas e por iso esta chea de referencias literarias. Ao longo dos diferentes contos van aparecendo textos de Neruda, José Angel Valente, Paul Éluard, Paul Auster, entre outros. Esta cuidada edición conta tamén coas ilustracións de Pablo Alaudell. Impresiona a dedicatoria escollida por Fernández Paz, do nobel de literatura Orhan Pamuk e coa que confire unidade aos relatos

"E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor".

4/10/09

Novo curso no IES Diaz Pardo de Sada!



Ola a todas e todos neste novo curso que comeza e ao que nos incorporamos cunha maleta chea de libros dos que vos iremos contando ao longo destes días. Para comezar queremos saudar especialmente aos máis cativos, aos nosos alumnos de primeiro de ESO que chegan por primeira vez ao noso centro. Para eles temos un agasallo moi especial. Trátase dunha nova entrega de Os Megatoxos de Anxo Fariña, quen ademais virá a visitarnos no mes de decembro para comentar con nós a súa obra.