30/9/10

Homenaxe a Labordeta

Por Cris Asensio

"Habrá un día en que todos
al levantar la vista
veremos una tierra que ponga libertad"
Con estos versos cheos de esperanza comenza Labordeta o seu Canto a la libertad.
Desde a nosa biblioteca Luísa Villalta traemos hoxe unha agarimosa lembranza de José Antonio Labordeta, aragonés nado no ano 1935 e falecido no pasado mes de setembro. José Antonio foi un home polifacético, cantautor, político, profesor de ensino medio na especialidade de xeografía e historia e tamén poeta, pero sobre todo foi un fervoroso defensor da liberdade e da súa terra, Aragón a quen representou durante oito anos -do 2000 ao 2008- no congreso dos deputados. Labordeta é para os galego e galegas todo un exemplo a seguir.
Sentimos que a mellor homenaxe que lle podemos oferecer todos nós desde aquí é a lectura emocionada de versos seus como:
VERSOS COMO BESOS
Los versos se hacen versos
en los atardeceres del otoño
y en el corazón somnoliento
se abren los ríos de luz
y de esperanza.
Es como si todo
volviese a empezar
de manera infinita
y transversal.

14/6/10

A escritora Conchi Regueiro


Hoxe subimos un comentario moi especial. Trátase de Conchi Regueiro que nos deixou unha opinión ao post que fixemos para dar noticia da súa visita e di así:


"Moitas grazas polo post. Espero que nun futuro próximo volvamos reunirnos para falar de lliteratura aí en Sada. Unha aperta a profesoras, alumnas e alumnos do IES "Isaac Díaz Pardo" paseino moi ben ese 5 de maio.


Conchi Regueiro"


A expresión "futuro próximo" vindo dunha escritora de ciencia-ficción soa moi ben ¿a que sí?


Grazas, outra vez, Conchi, para nós foi todo un placer.

9/6/10

Derradeiro clube de lectura con Cris Asensio


Onte día oito de xuño realizouse no 2º recreo o último clube de lectura. Este foi un dos máis especiais xa que cada un trouxo os seus libros favoritos. Consistía en que cada un de nós levara un máximo de tres libros, falar un pouco deles de maneira que aos demáis lles interesara lelos.

Tivo moita aceptación xa que nos xuntamos 4º de ESO e 1º de bacharelato.

Para sorpresa de todos houbo un sorteo de dùas entradas de cine e ao final agasallos para todos!

Este foi especial sobre todo porque foi o último con Cris, pois danos moita pena que o ano que vén non vai estar neste instituto.
Biquiños!



Leticia Mosquera, Xisela Díaz e Alejandra Piot 4ºC

1/6/10

Conchi Regueiro e a Ciencia-Ficción






O pasado 5 de Maio, Conchi Regueiro participou no noso clube de lectura. Veu disposta a comentar con alumnos e alumnas de 4º da ESO a súa obra de literatura xuvenil A herdanza do marqués. O encontro resultou moi entretido a pesar de que se alongou durante hora e media. Moitos dos presentes fixemos preguntas á autora relacionadas coa obra, como a de unha alumna que se interesou pola xénese da novela. Conchi contounos que a hstoria xurdira "unha noite de copas por Ourense " cando estaban a falar da evolución da especie humana e entón ocurriuselle xogar coa hipotética evolución dos lobos a seres humanos. Contounos que tiña ganas de facer un relato de terror e foi así como recorreu ao mito do "lobishome". Á pregunta de por que escolle a ciencia-ficción responde dicindo que "as posibilidades deste xénero son inmensas e que ela quere contar unha historia e facelo do xeito máis orixinal e honrado posible".

Falounos tamén de outras das súas obras como Un marciano neste mundo e O tesouro das ánimas. Recomendounos tamén a lectura da súa última obra La moderna Atenea, da que di que é unha nova proposta de Ciencia-Ficción. Outras das preguntas destacabeis foi sobre a lingua na que a autora prefire escribir, ao que respondeu que ten a inmensa sorte de poder facelo en galego e en castelán:
"encántame manexar idiomas. O manexo de dúas linguas é unha riqueza".
Por último escritora díxonos que Un mundo feliz de Huxley, 1984 de G. Orwell, ou en xeral as obras de Julio Verne, H.G. Wells ou Philip K. Dick foran obras favoritas na súa mocidade. Na actualidade destacou a outros autores galegos de xénero como Isidro Novo coa obra Un escuro rumor tralo silencio.
Grazas Conchi! Desde o noso clube de lectura A cova céltica queremos agradecerche moi sinceramente a túa lección maxistral.

11/5/10

O marcapáxinas das Letras Galegas


Un grupo de alumnas de 4º de ESO diseñaron un fermoso marcapáxinas inspirado en poemas de Uxío Novoneyra. Cristina Gutiérrez realizou o debuxo e Bea, Leticia e Yolanda redactaron un pequeno texto sobre a vida e obra do autor que figura no reverso do marcador. Durante estas últimas semanas subimos á biblioteca moitos días e alí lemos os poemas de Os Eidos
e interpretámolos. Finalmente seleccionamos dous para incluílos. Na realización do deseño colaborou a profesora de Plástica. Os marcadores poderedes recollelos de balde na nosa biblioteca nestes días para que os disfrutedes marcando a páxina do libro que estades lendo.


"COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!

eiquí síntese ben o pouco que é un home..."
(U.Novoneyra)

7/5/10

Perdona pero quiero casarme contigo



Tralo éxito de Perdona si te llamo amor, Federico Moccia deleitanos coa segunda parte da historia de Alex e Niki, que máis namorados que nunca, ao voltar dunhas vacacións románticas na Isla Azul, enfréntanse a novos retos que poñeran a proba o que sinte un polo outro.

Nesta parte Federico Moccia invítanos a reflexionar sobre a verdadeira natureza do amor, sobre a felicidade, os soños e o compromiso, e plantéxanos a gran pregunta...Pode o amor durar para sempre?

3/5/10

Últimas adquisicións da Biblio




Uxío Novoneyra é o autor a quen se lle dedica este ano a Festa das Letras.

Os libros de Carme Blanco e Fran Alonso achégannos ao universo biógrafico e literario de Uxío Novoneyra, a través de anécdotas e dunha aproximación aos seus poemas: O Courel, a infancia, a Guerra Civil, Os Eidos, Os días de Brais Pinto, a lingua de María Mariño, o Novoneyra beat do 68, as caligrafías.......

30/4/10

Asesinos sin rostro, no Club de Lectura


É a terceira vez que Uxío Pedreira, bibliotecario de Oleiros, participa no noso faladoiro. Desta vez a cita é sobre Henning Mankell e Asesinos sin rostro.
Comeza dando unha reseña do autor, o sueco Mankell, nacido no ano 1948, e que vive a cabalo entre Suecia e Mozambique.
Mankell na súa obra resalta o cambio que ten lugar no país desde os anos 70 á actualidade, nesa época estaba moi mal vista a opulencia, o derroche, a xente era discreta no gasto (en parte pola cultura protestante), eran solidarios e non racistas.
En Asesinos... (así como en toda a saga: Los perros de riga, La quinta mujer...) o policía protagonista Kurt Wallander de 40 anos, norte-europeo, que é abandonado pola súa muller e ten mala relación coa súa única filla tamén co seu pai, non conserva os amigos e mete a pata nas novas relacións... ademais leva unha vida desordenada e só vive para o traballo.
O argumento trata da busqueda do home que asasinou cruelmente a un apacible matrimonio de anciáns que viven nunha granxa... hai que encontrar a chave que debe xirar....

23/4/10

14 de Abril, día da República



O día 14 de abril, Vicente Piñeiro veu ao noso instituto a dar unha charla sobre o seu libro, A morte dun editor. Falounos de como se viviu a guerra civil e deunos a súa opinión ao respecto dos asasinatos que se cometeron a persoas inocentes naqueles anos. Contounos que daquela para poder escribir sen problemas coas persoas que se citaban no libro, púxose o seudónimo de Cascudo de san Cibrán, Cascudo polo seu avó e San Cibrán era o apelido do pai.




Ao final, moi amablemente asinou os libros dos rapaces e recibiu un regalo de parte do instituto.



Feito por: Andrés Varela Pérez, Anaís Paredes Cabado e Mario Roca Couceiro (1ºbach)

16/4/10

Os Eidos de Uxío Novoneyra

-

Atopei este video no Centro de documentación da AELG no que Afonso Becerra recita dous poemas de Uxío Novoneyra do libro Os Eidos: Cousos do lobo e Vai polo monte o camiño. Isto é unha "miña-xoia", un agasallo ¡ para disfrutar e aprender!

31/3/10

Uxío Novoneyra e Os eidos


Rincha o cabalo rinchón
peta o piquelo no encino
resga o gaio unha canción
e guíndaa dindes do ar
e vai voando sin tino
buscando outra noutro brelo
que ha de ter o mesmo sino.

Enche o cuco o val co seu cantar.


U.Novoneyra

30/3/10

A praia dos afogados

A praia dos afogados foi o libro que comentamos a semana pasada na nosa tertulia de A Cova Céltica. Luís Domínguez, médico de profesión, foi a persoa invitada nesta ocasión para comentarnos a obra de Domingo Villar. Entre o público estaban alumnos e alumnas de bacharelato e 4º da ESO, ademais contamos coa presencia da nosa directora. A tertulia foi moi entretida e os alumnos tamén tiñan curiosidade por saber cousas da profesión de médico. O doctor Domínguez respondeu con moita amabilidade e claridade a todas as preguntas formuladas e ademais aproveitou para falar da súa vocación de médico e insistiu moito na importancia de ler, novelas, ensaio... Posteriormente e como xa vén sendo habitual nos nosos clubes sorteamos entradas de cine entre os asistentes. Ao remate da sesión Luís Domínguez asinou no libro das visitas, deixándonos unha fermosa dedicatoria dirixida a todos os alumnos e alumnas do centro.

24/3/10

Ana Pillado e O día da muller






Ana Pillado participou o pasado día 9 de marzo nun clube de lectura que organizamos para conmemorar o día da muller. Ana presentou tres libros de tres escritoras diferentes:

As chaves do tempo da nosa benquerida Luísa Villalta, A xeira das árbores de Teresa Moure e Un cuarto de seu de Virxinia Woolf, libro este último do que dixo que exercera sobre ela unha grande influencia na súa etapa de adolescencia, marcándolle un camiño cara o feminismo.

Ademais agasallounos cun libro seu Fábula Mater (poema en 12 actos) composto por poesía e ilustracións que ela mesma fai. O libro foi dedicado para as "rapazas e rapaces" do IES.

Ana Pillado é profesora e ademais escribe, debuxa, e fai ilustracións como as capas do libro que reproducimos aquí

26/2/10

Crepúsculo e Pedro Ramos





O día 24 de febreiro veu o instituto o escritor Pedro Ramos para comentar o libro "Crepúsculo", todo un best-seller mundial.
No clube de lectura comentamos moitas cousas, por exemplo, se nos gustaba o actor que escolleran para o papel protagonista, Edward Cullen e tamén se a historia era orixinal ou non.
Tiñamos que convencer á directora de que lera os libros, e conseguímolo. A maioría dos alumnos estabamos de acordo con que "Lúa Nova" era o peor da saga e "Eclipse" o mellor.
Tamén comentamos que papel desempeñaba a manada Quileute na saga. E, por último, chegamos á conclusión de que fixeron un estudo de mercado para saber que era o que máis lle gustaba ás adolescentes.
En definitiva, un clube de lectura que nos gustou moitísimo e esperamos que se repita con seguintes libros da saga.
Beatriz Simó e Yolanda Fernández 4ºB

24/2/10

Club de lectura: A esmorga


Este pasado venres 19, os alumnos de 2ºC de Bachalerato fixemos un pequeno clube de lectura no que cadaquén expuxo as súas impresións e conclusións acerca do libro que leramos, “ A esmorga”.A esmorga é un libro escrito por Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897 – Vigo 1979).A obra foi publicada no ano 1959. Nela, o autor, cóntanos unha historia que lle contara o seu tío e que sucedera cando só tiña 5 anos, polo que é unha historia de comezos do século XX .


“Esmorga” é unha palabra galega moi enxebre e que significa algo así como troula, festa.Toda a obra está ambientada nesa época e conta a historia de tres mozos(Cibrán, o Bocas e o Milhomes) que pasan unha noite de troula con graves consecuencias. A historia é contada por un deles, Cibrán, que a través do recurso do fío telefónico ( Cibrán fala con alguén que o está a interrogar pero os lectores non sabemos as respostas do receptor) nárranos como sucederon os acontecementos. É así pois un drama cheo de recursos cómicos, pois ás historias graciosas que lles ocorren, ademais hai que engadir o vocabulario vulgar que chegan a empregar os personaxes, co que o autor consegue facernos escachar de risa.No noso clube, as principiais conclusións que tiramos todos son que, por unha parte, é un libro entretido é fácil en canto á trama, pero un pouco complicado en canto á linguaxe que utiliza, pois é unha variante dialectal propia da cidade onde está ambientado, en Auria (Ourense). Outro aspecto que merece ser mencionado é o feito de que nesta obra Blanco Amor danos unha visión distinta da sociedade, pois a través dela fai unha forte crítica á mesma facendo fincapé nas diferencias existentes entre as clases sociais e facendo unha forte crítica á falla de comunicación que había coa xustiza, dado que os xuíces eran foráneos e non entendían o galego. En conclusión, invítovos a todos a que vos anímedes a ler esta obra, que é un fito da literatura galega.


Unha aperta, vémonos de esmorga!.


Sabela (2ºbach)

18/2/10

Club de lectura: Ollos de agua

Domingo Villar




O martes día 11, reunímonos ás cinco da tarde na nosa biblioteca para comentar cun grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato a novela Ollos de agua de Domingo Villar, da que destacaron que era interesante que unha novela de xénero policíaco estivese ambientada en Galicia, concretamente na cidade de Vigo. Deste xeito o seu autor aproveita así para amosar a súa terra, os seus costumes, as xentes, as formas de vida galegas. Os personaxes tamén foron amplamente comentados, especialmente o inspector Caldas e o seu axudante Estevez, destacando o contraste existente entre eles. Finalmente, o desenlace da obra foi outro dos puntos de interés da análise e o comentario bastante unánime foi que decepcionou un pouco. As opinións máis secundadas foron as de que todo sucede demasiado depresa e dun xeito brusco, como se houbese que rematar o relato e non se soubese moi ben como facelo ou como se houbese presa por acabar.
De todos xeitos o balance xeral foi positivo e a novela gustou. Quedamos para ler a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados. Ademais este libro levounos a outros do mesmo xénero e unha profesora propuxo ler Asasinos sen rostro do autor sueco Henning Mankel.


Así que xa sabedes, apuntádevos a algún dos dous libros que seguro que o disfrutaredes.

11/2/10

Catalogando libros, atopeime con este da colección O Moucho que editara en tempos Edicións Castrelos. Chámase O Libro do Amor, está recollido da Literatura Popular e a escolma faina Darío Xohán Cabana, (o académico e poeta que nos visitou o curso pasado). Pasando as follas e vendo as datas en que estamos, pensamos que sería bonito que os namorados dérades de agasallo....un verso. Aí van algúns:

Amoriños collín
á beiriña do mar;
amoriños collín,
non os podo olvidar.

As estrelas corren, corren,
todas nunha carreiriña;
tamén corren os amores
da túa man para a miña.

Meus ollos choran por verte,
meu corazón por amarte;
meus pés, por chegar a tí,
meus brazos, por abrazarte.

Tamén atopamos para os desenganos amorosos:

Namoréime, namoréime,
non me soupen namorar;
namoréime dunha nena
que non me soupo estimar.

O día que me esqueciche
¡ meus ollos cánto choraron!
Tanto foi, que dos meus ollos
seca a fonte me deixaron.

Os ollos con que me miras
ollos de taimado son;
non fagas decir ós ollos
o que non dí o corazón.



Ou versos retranqueiros para os namorados:


Coidan os enamorados,
coidan e non coidan ben,
coidan que ninguen os mira
e todo o mundo os ve.

Maruxiña vai na fonte,
moito tarda, que non ven;
ou rompeu o cantariño
ou moitos amores ten

MORRE J.D. SALINGER

Falece aos 91 anos J.D.Salinger (28 xaneiro 2010)

Lembramos o Club de Lectura do pasado 13 de abril cando comentamos as andanzas de Holden Caulfield, protagonista de The Catcher in the Rye, O vixía no Centeo, entre as xentes de Nova Iorque, revelándonos o vacío social e os falsos valores encontrados polos xóvenes da época.

Salinger fai un canto ao individualismo, que queda firmemente insertado na conciencia do século XX. O escritor só publica catro obras na súa vida, e dá dúas entrevistas, na última ao xornal New York Times, en 1974, nela recoñece que segue escribindo diariamente, porque non sabe vivir doutro xeito, pero que goza do privilexio de non publicar, pois considera que colocar os seus libros nas tendas é unha intromisión á súa privacidade.

Puido vivir comodamente só cos dereitos de autor de O Vixía no Centeo, que ainda hoxe vende uns 250.000 exemplares anuais só nos Estados Unidos.

O Vixía no Centeo, gañou a etiqueta de libro maldito, e foi obxecto de campañas pedindo a súa censura, a pesar diso hoxe é lectura obrigatoria en moitos institutos.