29/2/08

Xesús Castro na Cova Céltica








Ana Veiga móstranos o carnet escolar de Xesús Castro e podemos ver tamén un dos libros polos que estudiaba na Coruña

28/2/08

Xesús Castro na Cova Céltica


Hoxe tivemos un nova cita con club da lectura na nosa "Cova Céltica". Xesús Castro veu ao noso centro a participar con "Historias de Sada á lus do candil". A súa foi unha charla moi atractiva xa que todos queriamos saber como era a vila de Sada na época dos nosos avós. Por espacio dunha hora foi revivindo diferentes aspectos da vida aquí, aló polos anos 3o e 4o. Diversións, festas, bailes, as telleiras onde se fabricaban productos con barro, os xogos, a escola, o tranvía, a arquitectura mariñeira, a poboación, a emigración, e a guerra civil en Sada, foron dibuxándose na nosa imaxinación coa axuda do seu relato.

De cada un destes apartados podemos destacar algunhas anécdotas que pensamos non esquencer; por exemplo que nesta época se tardaban dúas horas no tranvía a Coruña, ou que a mocidade máis finoqueira da cidade viña acó a divertírse; tamén dicir que a poboación descendeu desde 1936 en Sada nunhas 2000 persoas a causa da emigración, . Falounos da Escola Sada y sus Contornos fundada por Lugrís Freire e na que el estudiou durante dous anos e de como esta escola foi incautada polos militares no 36 que a convertiron nunha especie de cuartel militar e de como a destrozaron. Outro aspecto da educación na vila era o de que as rapazas non podías ir á escola pública, tiñan que estudiar nas escolas privadas que impartían mulleres, como a das Boticarias. A única escola mixta foi a de Sada y sus Contornos cando a República, pero os rapaces estudiaban nunha parte da escola e as rapazas noutra. Tamén lembrou a chegada do tranvía a Sada e o seu percorrido con mención especial do Tranvía Siboney e de como cando chovía tiña que ir un home secando as vías ou botando area cando xiaba.

A estructura da vila coas súas casas mariñeiras, o barrio da Tenencia que era moi bonito naquel entón e hoxe desaparecido pola especulación, outras casa modernistas, como A Terraza, e que tamén foron sendo derrubadas para construir novos edificios. O baile dos xóvenes no Moderno (hoxe Baroque) cun piso de arriba onde había palcos nos que se poñían as nais das rapazas para vixiar o que alí pasaba. Contounos que na parte alta deste edificio estaba antigamente o concello,

Canto a diversión da xuventude era semellante ao de agora pero non se facía botellón. A xente non bebía por beber. Si se bebía, facíase dunha maneira máis natural, porque había unha festa, no monte de Lixandre, e comendo mexilóns e bebendo no viño podías coller un chea sen decatáreste pero non era iso de xuntarse nun sitio e beber ata fartar.

Os xogos tamén tiveron o seu momento na parolada, "arcos de ferro", "a billa", "a uva"... "o fútbol era o máis importante, o que pasaba era que non había campo.

A guerra en Sada foi o suceso máis dramático ha historia da vila. O seu irmán tamén sufriu o horror da confrontación, morreu, desapareceu, non saben ben o que pasou. Como era de familia republicana, pasárono moi mal. En Sada pasouse moito medo, pola represión, mataban a xente sin ser de partidos políticos nin nada,

"matáronos simplemente porque non tiñan as mesmas ideas ca eles".

""Mataron a once persoas, deixábanos tirados pola carretera".

Conta que aqueles foron anos fame e miseria:

- "eu non sei nin como vivimos", di Xesús.

A conversa remata pero antes van circulando uns vellos libros que trouxo consigo de cando estudiou na Coruña, para ensinarlle aos rapaces, que os miraron con curiosidade e interese comprobando que diferentes eran dos de hoxe.

Xesús promete voltar outra vez para seguir contando as súas historias da vila e para falarnos de algo que parece entusiasmalo: os tranvías.

Ata pronto, entón.
C.A.

27/2/08

A mocidade e a homenaxe a Díaz Pardo


As mozas e mozos do noso instituto foron os protagonistas da Homenaxe que o pasado xoves se lle fixo aquí ao ilustre galeguista.

¡¡Noraboa pola vosa participación, foi de luxo!!

Dedicatoria de Isaac Díaz Pardo


Velaquí a reproducción da dedicatoria que Isaac escribiu no libro de personaxes ilustres. Vai dedicado a toda a mocidade de Sada, da que di que é "xurdia";

¿Que quere dicir "xurdia"?

Deixa a túa opinión sobre o contido da dedicatoria e podes facerlle ti unha tamén a el.

26/2/08

A nave espacial


Interpretación que fan os alumnos e alumnas de 1º da ESO do Cartel de Cego de Isaac titulado A nave espacial. O cartel leva textos de Celso Emilio Ferreiro.

25/2/08

Isaac Díaz Pardo, o pintor.


Díaz Pardo e a súa familia. Autorretrato
Interpretación realizada polo alumnado de 4º da Eso.

Isaac Díaz Pardo, o pintor


Interpretación da obra de Isaac realizada por alumnado de Plástica de 4º da Eso.

as pinturas de Isaac


Interpretación realizada por alumnado de 4º de ESO nas clase de Educación Plástica.

Os gaiteiros


Alumnos e alumnas de 2º de BACH e de 1º da ESO recibindo a Isaac

24/2/08

Homenaxe a Isaac Díaz Pardo (21-II-08)


El chámase Isaac. Cando entra pola porta do Instituto todos aplaudimos. Camiña devagariño polo patio central con cara de abraio ante a explosión de cores e figuras pintadas que inundan o espacio. O conxunto de pinturas que forman a exposición baseada na súa obra pictórica compón unha policromía musical e luminosa, acompañada pola letra dunha cantiga que pronuncian espontáneamente as balconadas do muro do recinto. Ao tempo que camiña, vai recibindo saúdos, bicos, sorrisos... No corazón do patio, unha mesa verde disposta para a ocasión agarda. Os músicos, gaiteiros, gaiteira, pandereiteiras, tamborileiro, inician o acto. O director case non fala, non quere roubar as palabras que di son deles, dos alumnos, das alumnas, porque a homenaxe sae deles, e así é. Paula, cunha luz de anxo nos ombreiros, pregoa as actuacións en nome de todos. Lito, de Samoedo, ex-alumno, ergue a súa voz reivindicando a historia, "o nome do instituto era unha débeda que os sadenses tiñan con Isaac, (...) creador de luces naquel mundo de tebras". Mónica eleva a temperatura do salón acentuando "o momento histórico que estamos a vivir"e faise portavoz do sentir do alumnado. Paula, Isamel e Iago préstanlle a súa voz emocionada a Luís Seoane "María das Batallas / dareiche unha frol por cada bala". Zeltia, Noela e Olalla entoan a capela o cantar de cego que acompaña á Nave espacial de Díaz Pardo, tamén na exposición. Cando Isaac toma o micro para se dirixir ao público, móstrase confundido, parece non saber moi ben por que está alí, porque é a persoa máis humilde e pensa que en realidade el non fixo nada, non ten mérito ningún. Louba con voz tenra os traballos do alumnado, dos profesores que os dirixiron, iso si que ten mérito para el. Quere tamén recoller as palabras alí pronunciadas, os poemas, as cancións. Quere levalas con el, para lelas ben, para enteirarse ben de todo, xa que teme non ter escoitado todo ben. Pídeo cunha firmeza suplicante que impresiona... E por fin o agasallo. Preparado no taller de cerámica do IES. Unha escultura da cor da terra. Isaac apértaa con forza, con emoción. Na hora máis que vai ficar con nós, non a vai querer soltar en ningún momento, pese a insistencia das dúas mulleres que o acompañan e que se oferecen a levala por el.

Subimos a visitar a Biblioteca. Alí senta para asinar no libro de personaxes ilustres. A súa será a primeira sinatura. A bibliotecaria preséntalle o volume; o acto adquire entón unha solemnidade litúrxica. Alí estamos unhas vinte persoas e un silencio case místico envolve a situación durante o tempo que lle leva a Isaac facer unha grande e orixinal dedicatoria dirixida á mocidade "xurdia" de Sada. Á primeira que lle preguntamos se viría unha tarde ao noso clube de lectura responde sen dubidalo que si, que dispoñamos del. Tanta xenerosidade nos turba. Entón unha profesora cólleo do brazo para conducilo ata o Taller de Cerámica.

Baixamos tras deles e alí deixase mimar como se o que está facendo fose para el a mellor cousa do mundo. Finalmente o tempo é chegado e acompañámolo á saída. Alí despídese de nós como se nos unise un lazo familiar que viñese de moi lonxe. Cun sorriso agarimoso e case infantil vainos dicindo adeus,
e ficamos sós...
Gracias, Isaac, o noso vello emigrante, gracias.
C.A.

16/2/08

A Cova Céltica


A tarde do pasado xoves, 14 de febreiro, o director do noso instituto, Adolfo Gabín, acudiu á tertulia literaria da biblioteca para comentar a triloxía titulada El juez de Egipto. Esta obra está escrita polo doutor en Exiptoloxía Christian Jacq, nacido en París en 1947. Adolfo falounos con moito entusiasmo desta obra ambientada no Exipto dos faraóns. Relatou con detalle o argumento, destacando que o máis interesante da obra é a mestura entre a ficción, a intriga novelesca e a historia real que nos achega á civilización exipcia:

"Nunha historia de ficción o autor, Jacq, cóntanos a historia de Exipto"

Puxo precisamente o acento no feito de tratarse dunha obra de divulgación con rigor histórico, de poñer ao alcance do público aspectos sobre a vida cotián na época dos faróns dun xeito ameno e entretido, a través do fío conductor dunha conspiración, que mantén ao lector enganchado ata o desenlace, no terceiro dos libros, xa que ademais a novela contén unha sorpresa final: o gran conspirador é alguén inesperado.

Outras das características que fan interesante esta obra son, na opinión de Adolfo, os personaxes coas súas vivencias e paixóns ("chegades a ver unha fotografía dos personaxes"), a abundancia de diálogos que fan que a lectura sexa dinámica e non canse e o feito de que os capítulos non sexan moi extensos xa que iso facilita que poidamos ler en situacións insospeitadas como poden ser ¡¡¡os descansos dos partidos de baloncesto!!!

Estamos pois ante unha lectura moi recomendable e o noso director anímanos a que leamos esta obra no verán. ¡Tomamos nota!




15/2/08

O nome do noso instituto

Ilustración realizada por Isaac Díaz Pardo

O noso instituto leva o nome do ilustre galeguista Isaac Díaz Pardo. A biblioteca do noso centro dedícalle hoxe unha agarimosa lembranza como adianto da homenaxe que o próximo xoves 21 de febreiro se lle brindará aquí. Durante o pasado ano 2007, Díaz Pardo recibiu múltiples premios, medallas, homenaxes, (como o nomeamento como doutor Honoris Causa pola universidade da Coruña, por citar un) premios e homenaxes sobradamente merecidos por Isaac polo labor realizado durante toda a súa vida a favor da nosa cultura. Pintor, debuxante, escritor, ilustrador... Puxo tamén en marcha a fábrica de cerámicas de Sargadelos, ademais de levar adiante moitos proxectos xunto con outros grandes artistas que estaban no exilio, especialmente co seu amigo Luís Seoane, tamén pintor e poeta, con quen fundou o Laboratorio de Formas. O Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información foron outros dos seus logros.

Por todo isto felicítovos a todas e a todos e felicítome porque o noso instituto leve o seu nome.
-Cris Asensio-

11/2/08

24 de febreiro

O día 24 de febreiro é o día de Rosalía en representación dos escritores e escritoras. Para ir facendo boca colgamos aquí o poema con un dos símbolos máis emblemáticos da nosa escritora: Negra sombra.

Recomendamos a lectura deste poema e esperamos aquí a vosa opinión:

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos mues cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Follas Novas, -Do íntimo-, 1880



¿Que pode ser a "negra sombra"?

10/2/08

A Cova Céltica


Velaquí temos algúns dos membros da mítica "Cova Céltica" cando alá, polo s. XIX se reunían na librería La Regional, sita na coruñesa rúa de Rego da Auga. O segundo pola dereita é o ilustre sadense Lugrís Freire.

A Cova Céltica






"A cova céltica" é o nome do clube de lectura da nosa biblioteca. O xoves, 7 de Febreiro contamos coa presencia da profesora do noso instituto Ana Álvarez, quen presentará a novela da escritora DACIA MARAINI titulada LA LARGA VIDA DE MARIANNA UCRÍA. Dacia Maraini é unha escritora italiana, nacida en Florencia en 1936 e a súa obra é coñecida internacionalmente, ten escrito novela, poesía, opera teatral, ensaio... Ademais da súa obra literaria hai que dicir dela que se implica na defensa dos dereitos civis, a paz, a xustiza, a liberdade, a loita feminista...

A protagonista da novela de la larga vida de Marianna Ucría resulta doblemente interesante, xa que por unha parte representa o silencio ao que foron sometidas moitas mulleres e por outra oferece unha visión crítica do mundo que nos rodea.
-Cris Asensio-