28/2/11

Celebra O Entroido 2011




A partir deste enlace chegarás a moita información sobre o entroido: vocabulario, receitas manualidades,xogos, cazas do tesouro, disfraces, láminas , máscaras,etc.



Pincha no enlace e descubrirás un montón de cousas interesantes e divertidas sobre o Entroido.

http://www.coordinadoraendl.org/2011entroido/index.php




O Entroido Galego
O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagans, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas.

O Entroido é unha das festas máis irreverente do calendario galego.

O Entroido é celebrado dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman cós comezos desta festa, pódense atopar na adoración a Baco ou Dionisos.

As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale"(é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum"(que significa "a entrada á Coresma") do que vén a palabra "Entroido"ou "Antroido".

Os entroidos máis famosos son os celebrados en Ourense e Lugo. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galicia.

Entre os chamados "ritos de grupo" pódense citar:

Os Cigarróns que son personaxes enmascarados e adornados (coma en Verín), as Pantallas que amolan ós viandantes con dúas vexigas cheas de aire (moi común no Entroido de Xinzo da Limia).

Os Peliqueiros (coma en Laza), personaxes que se distinguen pola súa animalización: non falan, levan chocas coma os animais, zorregan á xente e levántanlle a saia ás mulleres, animais como pode ser unha vaca, o burro ou o galo, xa sexa reais ou simulados simbolizan o Entroido en si e interveñen na festa, ben para ser burlados e escarmentados, ben para actuar activamente facendo falcatruadas


. Os festexos máis importantes son:

Domingo Fareleiro ou Borrallento: coincide co domingo de septuaxésima, e nesta da é costume que os veciños se manchen uns ós outros con borralla ou farelo, a fariña de peor calidade.

Xoves de Compadres: neste día realízase unha tradicional pelexa entre sexos. As mozas fabrican un boneco ou varios bonecos que representan os homes e tentan queimalo, mentres os mozos loitan por llo roubar.

Domingo Corredoiro ou Oleiro: nesta data realízanse celebracións moi diferentes segundo os lugares. Tradicionalmente era cando se facía a corrida do do galo, en Laza lánzanse formigas enriba da xente e faise a farrapada, loita con farrapos enchoupados en lama ou esterco. Na Praza Maior de Xinzo celébrase o xogo das olas, en que os participantes se pasan olas de barro, e a aquel que lle rompa debe pagar unha rolda.

Xoves de Comadres: ó reves do de Compadres, son os homes os que fan un ou varios bonecos con feitura de muller e son estas quen loitan por llelo sacar.

Santo Entroido
Domingo de Entroido
Luns de Entroido
Martes de Entroido: en moitos lugares celébranse os Testamentos do Entroido e entérrase a representación da festa.
Domingo de Piñata

¡¡¡Tempo para a diversión e para o bo xantar... nestas festas non pode faltar o lacón con grelos, a androlla, as chulas, as orellas ou as filloas!!!


23/2/11

Día de Rosalía 24 de febreiro




Cada 24 de febreiro lembramos o nacemento de Rosalía de Castro, poetisa sen par e unha das nais indiscutibles da nosa lingua nai.
Ler a súa obra e manter vivo en cada un de nós o seu compromiso coa lingua e coa paisaxe deste anaco de mundo que chamamos Galicia é unha das mellores maneiras de renderlle homenaxe.

Neste enlace atoparás toda a información sobre Rosalía, ademais de moitas fotos antigas moi interesentes para coñecer os lugares nos que viviu ou que influiron na súa obra.

http://www.rosaliadecastro.org/

22/2/11

Concurso de Tarxetas de San Valentín






O pasado dí 15 de febreiro reunido o xurado, formado a tal fin, decidiu por unanimidade asignar o primeiro e único premio á alumna de 1º da ESO B, Nuria Vázquez Álvarez.



9/2/11

É o amor un mito?

Na antigüidade, os mitos ofrecían un tipo de resposta similar á que hoxe en día nos proporcionan as teorías científicas; mentras estas nos explican feitos pola relación entre conceptos experimentais, as culturas arcaicas explicabanos a través de relatos de deuses e heroes; estes relatos son os que coñecemos co nome de mitos.
Existen numerosos mitos sobre o amor, pero os máis coñecidos son os de Orfeo e Eurídice , e Cupido e Psique, procedentes da mitoloxía clásica, que é a máis proxima a nós . Neles podemos ver reflexados moitos aspectos do amor.
O mito de Orfeo é un dos máis escuros e máis cargados de simbolismo de cantos rexistra a mitoloxía helénica. A historia máis coñecida sobre Orfeo é a que se refire á súa esposa Eurídice.



Orfeo e Eurídice
Un día, cando Eurídice paseaba cerca de Tempe, no val do río Peneo, atopouse con Aristeo, quen tratou de forzala. Na súa fuxida pisou unha serpe e morreu a consecuencia da mordedura. Despois de chorala moito, Orfeo descendeu valentemente ao Tártaro esperando recuperala e levala de volta. Utilizou o pasadizo que se abre en Aorno, en Tesprótide, e a súa chegada no só encantou ao barqueiro Caronte, ao Can Cerbero e a os tres xuíces dos mortos coa súa melancólica música, se non que conseguiu que se suspendesen temporalmente as torturas dos condenados.
Deste modo amoleceu o duro corazón, e díxolles que o motivo da súa viaxe era a súa esposa, a cal morrera a causa da mordedura dunha víbora que lle roubara os seus prometedores anos. El suplicoulles que deixasen marchar a Eurídice, se non quedarían coa súa vida tamén. Estes concedéronlle a súa petición cunha única condición: que Orfeo non mirara atrás ata que ela estivese a salvo baixo a luz do Sol. Eurídice seguiu a Orfeo polo escuro pasadizo guiada polos sons da súa lira, pero cando chegaron a onde xa había luz solar el volveuse para comprobar se ela o seguía, e entón perdeuna para sempre.



O mito de Cupido e Psique

O mito afirma que un famoso rei tiña tres fermosas fillas da que Psique era de lonxe a máis bela, a gloria da súa beleza difundírase por toda a terra e moitos chegaban á cidade onde vivía Psique para apreciar a súa fermosura ata o punto de esquecer celebrar sacrificios por Venus e arruinarse os seus templos. Venus como vinganza decidiu castigar a Psique, chamou a seu fillo Cupido amosoulle a súa beleza e suplicoulle que vingase a súa fermosura insolente facendo que quedara posuída polo amor abrasador do último dos homes.
Entrementres, Psique sentíase moi desafortunada, porque todos admiraban a súa beleza pero ninguén se presentaba como pretendente para casar. Seu pai acudiu ao Oráculo do deus de Mileto sospeitando dunha maldición, Apolo respondeulle que Psique, levando roupas fúnebres debía ser levada a unha rocha dun monte alto para ser recollida por un monstro cruel e fero. Os infelices pais cumpren a vontade do oráculo e acompañados dun gran cortexo deixan a Psique na rocha, de súpeto un golpe de vento levouna a un val na pendente da rocha, onde había un marabilloso palacio habitado por espíritos invisibles. Psique obtén do seu marido invisible a promesa de ver as súas irmás coa condición de non se interesar pola súa apariencia. Pero as irmás mostran envexa da felicidade e das riquezas de Psique e entón suxírenlle á irmá que xa está empreñada dun deus que colla unha lampada para ver o rostro do seu marido que elas teiman en dicir que é unha serpe velenosa á que lle debe cortar a cabeza. Psique alumea o rostro do seu marido durmido e ve o máis adorable e doce de todos os rostros, o de Cupido, este ao espertar e ver a súa fe totalmente traizoada saiu voando sen dicir unha soa palabra pero non puido impedir que Psique apreixara a súa perna dereita voando por un momento con el, tras caer Cupido cóntalle que desobedera á súa nai para facela a súa esposa, castigando a Psique pola súa falta de confianza coa súa marcha. Psique láiase tristemente da súa sorte, o deus Pan trata de consolala.
Psique víngase das súas irmás e vai na procura de Cupido, desamparada entrégase a Venus quen a somete a unha serie de probas, finalmente consegue a axuda de Xúpiter quen legaliza os amores de Psique e Cupido concedéndolle a inmortalidade á rapaza.

7/2/11

O amor ó longo da historia a través dos libros

Na biblioteca está posta unha pequena selección de libros de amor. Sube, ao mellor atopas algún que che poida intreresar.
Aquí aparecen algúns deles.



3/2/11

Un flipbook apropiado para este días

Concurso de tarxetas San Valentín. Bases.



Estas son as bases do noso concurso: Fai unha postal de tamaño máximo cuartilla, cunha ilustración libre (debuxo, pintura, collage, foto, etc.) cun texto alusivo ao tema en calquera lingua. Haberá dúas categorías. Importante: entregar en conserxería, dentro dun sobre indicando os datos persoais: nome, curso. A data tope é o venres 11 ás 14.20.

O amor vive nas palabras

O AMOR VIVE NAS PALABRAS

¿Namorácheste algunha vez? ¿Viches a dous namorados? Se non tiveches o pracer de velo, segue lendo e o experimentarás. Non nos facemos cargo dos efectos que che poida causar. Podes acabar cos ollos “pegados” ao libro. ¡Adiante, escollemos algúns dos libros máis románticos da historia!

O amor nos tempos do cólera (Gabriel García Márquez)



Hai dúas historias nese libro. Unha delas trata dun amor secreto que remata na morte elexida por un home que quixo poñerse a salvo “dos tormentos da memoria”. A outra historia é a dun amor que fai destes tormentos o seu alento, un amor acechado polo inimigo: o deterioro físico, a vellez, a morte, pero que é capaz, non só de resistilos, senón tamén de transformalos no impulso do desexo.
A idea principal da obra basease no círculo amoroso que existía entre tres persoas que levou a situacións incómodas pero tamén a moitas satisfaccións. A obra desenvolvese nunha época onde só existían dúas clases, a alta e a pobre, e a maioría dos personaxes tanto principais como secundarios pertencían á clase alta e vivían sobreprotexidos pola sociedade rica na que se desenvolvían.

Resistencia (Rosa Aneiros)



Resistencia percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato que protagonizan os personaxes principais -Dinís e Filipa- artéllase un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as dictaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor, entre as que salientan a de Dinís -un obreiro da fábrica de vidro Irmáns Stephen- e Filipa -filla dun rico comerciante de Coimbra-. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen calibrar as consecuencias. A vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolu-ción dos Caraveis. Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.

Como auga para chocolate (Laura Esquivel)



Tita e Pedro amanse. Pero ela está condenada a permanecer solteira, coidando a súa nai ata que esta morra. E Pedro, para estar cerca de Tita, casa coa irmá dela, Rosaura. As receitas de cociña que Tita elabora marcan o paso das estacións da súa vida, sempre marcada pola presente ausencia de Pedro.
Como auga para chocolate é unha agridulce comedia de amores e desencontros, unha obra chispeante, tenra e pletórica de talento, que se convertiu nun dos maiores éxitos da literatura latinoamericana.

Romeo e Xulieta (William Shakespeare)



Romeo e Xulieta é unha das obras máis populares de Shakespeare; a desgraciada historia dos amantes de Verona transcendeu á literatura.
No medio da loita entre familias rivais, dous personaxes xuvenís viven un amor tan apaixonado como imposible. A reconciliación chegará tarde, cando xa se produciu a traxedia.
A traizón, a lealdade, o odio, os ciúmes, a paixón, son algúns dos temas que William Shakespeare expresou no seu libro permitindo aos seus personaxes a libertade de elexir entre os camiños posibles, para logo darse conta das consecuencias do elexido.
Escrita en cinco actos, Romeo e Xulieta expresa de modo insuperable o mito do amor romántico arquetípico na civilización moderna.

¿Gustouche? Pois xa sabes ¡a por eles!. Estes libros supuxeron unhas historias de amor que pasaron á Historia. O amor tamén vive nas palabras

1/2/11

Concurso Tarxetas San Valentín 2011




Participa.
Elabora unha tarxeta, pero non esquezas engadirlle un texto. Aquí tes algún exemplo. Pero procura ser orixinal. Vai pensando a idea.
Nos próximos días poñeremos as bases.

Club de lectura. Ollos de auga. A praia dos afogados



Anímate e participa.
Retomamos o club de lectura, e seguro que moitos de vós tedes lido unha destas novelas de Domingo Villar. Esperámoste este xoves ás 4.30 coas túas opinións, críticas e comentarios da obra.