30/6/07

A noso Eco

De novo en Vieiros ( un portal galego de internet, de gran prestixio e sona) lemos:

Cornellà convoca os certames literarios de 2007

Os certames de poesía e de narrativa da entidade son dos máis prestixiosos en lingua galega fóra de Galiza.

Xabier Paradelo - 10:00 29/06/2007
ACG Rosalía de Castro

ACG Rosalía de Castro

O XXI Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro conta con tres premios cunha dotación económica de 1.000, 400 e 300 euros, e o IV Certame de narrativa Rosa Reboredo ten un só galardón de 1.000 euros. Os premios serán fallados nas Xornadas Culturais que se celebrarán no outono deste ano e o prazo para presentar os orixinais remata o 15 de outubro.

Na convocatoria do 2006 os premios de poesía foron para Homenaxes Involuntarios, de Gustavo Peaguda Pérez, de Santiago; Alba Cid Fernández, de Ourense, por Poética Cóncava; e para o santiagués Israel Martínez Veiga, por A batalla dende a eclipse. O galardón de narrativa foi para Alberto Ramos Díaz, de Madrid, co texto titulado Margarita Feng Shui.

No apartado de documentos pódense baixar as bases dos dous certames, facilitadas pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro.

Por Susana


29/6/07

Blogaliza pon en marcha a súa radio

Lese en Vierios:

A programación de 24 horas está composta de música de grupos galegos e novas do portal Chuza.



Xa está na rede Radio Blogaliza, unha nova emisora en liña que ofrece exclusivamente música galega que foi publicada na web de xeito gratuíto polos seus autores. Os internautas teñen a posibilidade de pedir os temas que desexen dun amplo catálogo. A vella fórmula das peticións do ouvinte está a ter un grande éxito nos primeiros días de vida da emisora.

A parte informativa de Radio Blogaliza póñena informacións recompiladas no portal Chuza, que vai lendo unha voz sintetizada. Nun futuro espérase ampliar a programación con outros contidos, como podcasts do país.

O proxecto, impulsado polo portal de bitácoras Blogaliza, é realidade grazas á participación de Goretoxo, Calidonia, Brenlla e a rede de emisoras municipais Radiofusión. O seu funcionamento está baseado completamente en software libre e mesmo emprega o formato aberto de codificación de audio OGG Vorbis.

A nova emisora está aberta a recibir máis achegas de grupos que desexen dar a coñecer a súa música e xa se pode escoitar no enderezo radio.blogaliza.org.

(Por Susana)




18/6/07

SOFTWARE LIBRE!



Alegrámonos moito da seguinte noticia:

O xurado que fallará o vindeiro mércores ó Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2007 comeza mañá as súas deliberacións en Oviedo para analizar as corenta e nove candidaturas que optan ao galardón. Entre as propostas remitidas nesta XXVII edición dos premios figuran as do informático finlandés Linus Torvalds, creador do sistema operativo Linux; o biólogo mexicano Rafael Navarro González, e o Centro de Cirurxía de Mínima Invasión (CCMI), con sede en Cáceres.(El País)

Pero non esquezamos ó peculiar Richard Stallman promovendo a ética no desenvolvemento tecnolóxico ao crear o FSF( free software foundation). Grazas a el hoxe temos Software Libre.

Por Susana

13/6/07

Certame Luisa Villalta








Aquí temos os gañadores do novo Certame Literario de Luisa Villalta, algunhas fotos do evento, e os comentarios do xurado. En breve colgaremos os textos.



I.E.S. ISAAC DÍAZ PARDO
SADA
IV CERTAME LITERARIO “LUISA VILLALTA”
RELACIÓN DE PARTICIPANTES PREMIADOS:
A) MODALIDADE DE POESÍA
1ºPREMIO: Alicia Mariña Correa Asensio
e
Paula Illanes Roel, coa “Oda á Memoria de Luisa Villalta”

2º PREMIO: Javier López Rey
e
Fco. Javier Golpe López

B) MODALIDADE DE NARRATIVA
1º PREMIO : Sonia Varela García
e
Sheila Canedo Rivadulla, por “Historias Compartidas”



2º PREMIO: Daniel Yonte Fuentes
e
Ruth Barral Arca

Obras premiadas

Obras premiadas. Comentarios do xurado

POESÍA

1º premio



"As cantigas do vento"


Trátase dun poema ben estructurado en tres partes que suceden cada unha delas en diferentes momentos do día, establecendo a autora un paralelismo entre estas e as emocións que provocan no ánimo do suxeito lírico, nelas asoma a saudade en perfecta consonancia coa nosa tradición lírica. A natureza aparece no poema como un personaxe máis, nun xogo de luces en sons: o vento co seu zoar, a gorxa do mar, a luz do ceo... en comuníon co eu lírico. Tamén está presente o elemento fantástico ou marabilloso como "criaturas enmeigadas", os seres mitolóxicos, as ninfas e non faltan tampouco eficaces imaxes visuais como a das ninfas que "saen voando con violíns nas mans" ou a "branca doncela" imaxe da lúa" sempre coa canción do vento como leit-motiv:


"O zoar suplicante do vento / inunda a cidade durmida"




"Oda á memoria a Luísa Villalta"



Lembranza-homenaxe emocionada a Luísa Villalta que nos trasmite dun xeito apaixonado a dor producida pola súa perda e a convicción profunda de que nós morremos un pouco tamén cando marcha un ser querido "nós morremos contigo".

Desde o punto de vista do estilo sorprende a riqueza expresiva e léxico elaborado que reflicten unha certa madurez poética. O sentimento da saudade aparece asociado a outros como noxo, rabia, impotencia, inseguridade nun mundo baleiro que se sumiu na escuridade:


"Arrebataches contigo o sol do ceo / sepultándoo no quebradizo solo"


Poesía

2º premio




"A rosa dos ventos"



De temática mariñeira no que o tempo atmosférico xoga un papel principal e que trae á memoria a lembranza do poeta Manuel Antonio: xa o propio título ou o caligrama que antecede ao texto nos conducen a el e tamén á vila mariñeira de Sada, lugar no que reside o autor deste poema.. Texto breve pero orixinal, que rompe coa sintaxe tradicional mais que mantén a rima; cun predominio do léxico do mar e que incorpora un refrán que contén unha audaz personificación:

"barco tolo será o que non o pregoe".











"O soño dun emigrante"




Destaca pola temática social, o emigrante soña e o seu soño contrasta coa cruel realidade. Está escrito desde o punto de vista do emigrante que sobe a unha pateira para perseguir un soño que non logra alcanzar. De algún xeito aquí subxace a nosa Galicia emigrante, e observamos un paralelismo entre un barco pesqueiro que faena e a pateira. A fronteira que siimboliza inicialmente o futuro e a esperanza, aparece poñendo punto final aos soños do emigrante:


"estoume afogando / baixo o mar da nova fronteira"



Narrativa

1º premio


"O vestido branco"



Destaca neste conto o tratamento de temas. O tema central é a exaltación do rural galego, con protagonista infantil. A través dos ollos dunha nena vemos costumes, vivencia, hábitos, traballos deste mundo enxebre. Cun estilo áxil van desfilando diante nosa unha serie de anécdotas que podían ter acontecido no pasado a calquera neno de calquera aldea galega. Están presentes ademais no relato unha serie de valores como a xenerosidade, a solidariedade, a tenrura e tamén o humor espontáneo e a retranca máis pura na liña de Castelao.. E para rematar diremos que o coñecemento do léxico rural é excelente.



"Historias compartidas"


Estas historias seguen un liña unitaria na que unha nai lle vai contando a súa filla as historias que esta nos transmite. Seguindo a tradición oral de conta-contos, un narradador xuvenil adopta unha perspectiva feminista para reflectir a situación da muller no rural galego en épocas aínda non moi lonxanas. Subxacen varios subtemas como o da emigración, os malos tratos, o emigrante que retorna con cartos, o atraso tecnolóxico de Galicia. Resulta sorprendente que unha persoa nova resalte a importancia e o recoñecimento dos nosos maiores como fonte de sabiduría e transmisores de de coñecimento e valores.


Narrativa

2º premio


" O tren das lembranzas"


Historia na mesma liña da anterior no que respecta ao recoñecimento do papel que representan as persoas de idade na nosa sociedade como fonte e transmisión de coñecimento. Aquí aparece representada a Galicia de posguerra coas dificultades, miseria e represión que había nesa época. O relato está tinguido dun ton lírico, por veces poético e resulta moi emotiva a relación xeneracional, da avoa co neto, así como tamén o amor e tenrura polos animais, representados na figura da cadela Brasa.


"Expiación"



Este conto presenta unha redacción fluída e áxil cunha ambientación diferente á dos anteriores relatos, nun mundo urbano e contemporáneo. O tema do desdobramento do "eu" nunha trama de tipo psicolóxico, o trastorno da personalidade, a técnica da psicoanálise e unha atmósfera de pesadelo atrapan ao lector ata o desenlace onde o ben e o perdón loitarán pola hexemonia frente ao sentimento de venganza.




7/6/07

Biblioteca Uxío Novoneyra: todo poesía


O Pazo de Correa de Vilaboa (Culleredo) albergará a primeira biblioteca galega integramente en poesía: O poeta Miguel Anxo Fernández-Vello cede os seus fondos particulares a esta iniciativa que contará cunha aula de poesía, talleres...

Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha familia de labregos. Esta terra será o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.
Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Nos seus textos, Novoneyra explicita o seu compromiso nacionalista e marxista (especialmente na época en que estes temas son protagónicos na literatura galega), sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e mais pola linguaxe, pesquisando na materia lírica até conseguir o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc).

(BVG)

Por Susana

4/6/07

Correlingua






Outra nova e exitosa convocatoria do Correlingua. Un tempo xeneroso, unha causa solidaria e uns rapaces ( 3º da E.S.O. e tres profes) correndo, galegando , soñando... en galego. E levamos o PRIMEIRO PREMIO en pancartas! Os que valemos...
Tedes máis información na páxina www.correlingua.org





Xabier Docampo


Xabier Docampo é maestro, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. En 1995 obtivo o "Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite seleccionada asimesmo como unha das cien mellores obras do século XX español, según a Fundación Germán Sánchez Ruipérez. A súa tarefa pedagóxica intégrase na chamada "Nova Escola Galega". ( wikipedia)

Pois tamén tivemos a honra de contar coa súa presencia xa fai uns días. Non hai dúbida do interesantes que están a ser todas as actividades.

Por Susana




3/6/07

Teresa Moure




O pasado mes de abril estivo no noso insitituto a prolífica Teresa Moure que sorprendeu pola súa " non conferencia" - comenzou preguntando que queriamos saber-. Sairon moitas cuestions duns alumnos que traballaron concienzudamente a súa obra. E unha das afirmacións máis chamativas foi a reivindicación dunha "literatura de mulleres", dunha visión nova do mundo non dende os valores establecidos, claramente masculinos, senón dende a perspectiva da muller.
A "reunión" resultou interesante e moitos rapaces sairon encantados co guiño que lles fixo a autora ó dicir que non se debía obrigar a ninguén a estudiar determinadas obras literarias o que foi motivo dunha cordial discusión.