30/10/09

Para que o pases de medo





para que o pases de medo nesta noite de difuntos!

28/10/09

Alumnos do Instituto de Sada no Teatro Rosalía de Castro

Por: Iago Teijeiro Cora (1ºBach B)

Argumento:
Na cidade de A Coruña, en 1958, un grupo de rapaces que estaban a facer a mili e un par de rapazas (unha delas filla dun coronel) encóntranse no bar dunha sociedade mui prestixiosa da cidade. Nese momento estase a celebrar un concurso, chamado "trampolín de estrelas", no que van participar os reclutas e máis un cantante de rock and roll que se fai chamar Elvis Montana. Durante o concurso "que dura un par de días"chegan os militares da garda persoal de Franco. Estes teñen uns problemas cos reclutas e máis coa muller do coronel antes citado.
Máis tarde Franco chega á cidade (os reclutas, cansados dos abusos dese réxime,intentan cometer un atentado contra Franco, pero este fracasa.

Por outra parte hai uns líos amorosos entre un dos reclutas e máis Elvis, xa que os dous queren á mesma muller. Ao final Elvis gaña o concurso, pero é o recluta quen se queda coa rapaza.


Personaxes:
Os dous reclutas, Elvis, a muller á que aman Elvis e máis o recluta, a filla do coronel, os dous militares de
alto rango, o coronel, a muller do coronel, o presentador do concurso, os músicos e máis a muller de Franco.

Lugar:
A Coruña, no Clube Náutico, no bar desa sociedade.

Tempo:
• Tempo histórico: Setembro do 1958.
• Tempo do relato: Uns días.

Opinión persoal:
A min, máis ca unha obra de teatro, pareceume un musical; o cal non é negativo, ó contrario. Encantoume a obra, sobre todo cando cantaban e bailaban con esa música dos anos 50-60. Tamén me gustaron os líos amorosos que tiñan o coronel, a súa muller e máis o militar de alto rango. Nunca vira unha obra (sen contar as obras que vemos nos institutos) e, para ser a primeira vez, foi unha boa experiencia e teño gañas de repetir.

22/10/09

Teatro: Glass City

O luns 26 de outubro imos ao teatro co alumnado de bacharelato, 1º e 2º (letras). No Teatro Rosalía Castro de A Coruña a compañía Teatro do noroeste porá en escena Glass City. Eduardo Alonso é o autor e director e con esta obra continúa o ciclo de obras dedicadas a cidades galegas. Anteriormente foron As damas de Ferrol e Imperial: Café cantante. Vigo 1936.

En Glass City, cidade de cristal, situámonos na Coruña de 1958 nos tempos do dictador Franco, quen viña de vacacións a Meirás no mes de agosto. Isto facía que durante ese mes A Coruña se transformase co acontecimento, convertíndose na capital. Aquí celebrábanse importantes recepcións e consellos de ministros no Palacio municipal. Tamén en diferentes sociedades civís tiñan lugar celebracións variadas e os membros da escolta de Franco, que eran sobre todo militares viñan disposto a pasalo en grande. O propio alcalde da época, Alfonso Molina participaba intensamente nestas festas, por este motivo naceu o dito "A Coruña divírtese mentres Santiago reza e Vigo traballa". Pero neste mesmo ano tiñan lugar outros acontecimentos importantes para a vida da sociedade, como foi a chegada das "juke box", as máquinas de discos, importadas de Estados Unidos. Nestas máquinas había cancións dos famosos da época: Elvis Presley, Paul Anka, Chubby Checker... Isto suporía unha auténtica revolución musical entre a mocidade coruñesa cambiando o seu estilo de vida...

16/10/09

O único que queda é o amor


Agustín Fernández Paz recibiu o premio nacional de literatura no presente ano co libro titulado

O único que queda é o amor. Un conxunto de dez contos compoñen esta obra na que o amor é o fio que lle dá unidade ao conxunto. O propio autor di que "todos falan da importancia do amor".

Ademais esta obra trata da importancia da lectura nas nosas vidas e por iso esta chea de referencias literarias. Ao longo dos diferentes contos van aparecendo textos de Neruda, José Angel Valente, Paul Éluard, Paul Auster, entre outros. Esta cuidada edición conta tamén coas ilustracións de Pablo Alaudell. Impresiona a dedicatoria escollida por Fernández Paz, do nobel de literatura Orhan Pamuk e coa que confire unidade aos relatos

"E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor".

4/10/09

Novo curso no IES Diaz Pardo de Sada!



Ola a todas e todos neste novo curso que comeza e ao que nos incorporamos cunha maleta chea de libros dos que vos iremos contando ao longo destes días. Para comezar queremos saudar especialmente aos máis cativos, aos nosos alumnos de primeiro de ESO que chegan por primeira vez ao noso centro. Para eles temos un agasallo moi especial. Trátase dunha nova entrega de Os Megatoxos de Anxo Fariña, quen ademais virá a visitarnos no mes de decembro para comentar con nós a súa obra.