21/12/10

Feliz Nadal. Feliz Ano 2011



Felicidades para todos os alumnos do IES Isaac Díaz Pardo.

Libros con temática de Nadal no Nadal

Anímate e le algún destes libros, todos están ambientados no Nadal. Algo moi propio para estes días de vacacións.


20/12/10

Nadal ....... de terror

Concurso Palabras en xogo



A Concellería de Educación e Xuventude Celebra o I Concurso Municipal "Palabras en Xogo"
O concurso "Palabras en Xogo", patrocinado pola Concellería de Educación e Xuventude ten por obxeto destacar os coñecementos adquiridos polos estudantes de 6º de primaria e 1º da E.S.O. no seus Plans de Estudo.
A Concellería de Educación e Xuventude, en colaboración con todos os centros escolares do municipio organizou o I Concurso Municipal Escolar "Palabras en Xogo".
Todas as aulas de 6º de primaria e 1º da E.S.O dos centros do termo municipal desenvolveron unha primeira fase en cada centro.
Desta primeira fase saíron 10 parellas semifinalistas, que loitaron o venres 17 de decembro por conseguir a medalla de ouro do campionato para o seu centro.
Os semifinalistas da primeira fase do concurso do noso instituto foron:
1º "A": Sara Álvarez Delgado / Iago Vicos Deus
1º "B": Angel Cao Porta / Adrián Chas Vilariño
Sara e Iago pasaron a 1ª ronda pero non conseguiron superar os alumnos do IES Mosteirón que foron os vencedores. Houbo premio para todos, un xogo para cada aula e os gañadores levaron unha mochila e unha tenda de campaña.
O alumnado de cada centro animou moito aos seus representantes para que acadasen a medalla de ouro da competición e unha anécdota: puidemos ver como os da Sexta facían unha pequena reportaxe sobre o concurso.
Esperemos que o próximo ano teñamos máis sorte.

15/12/10

Xa estamos esperando o Apalpador



Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus viñese importado dende outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mais nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento.

O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

Esta tradición reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Algúns cren que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

Dende a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nos achegan un montón de recursos para traballar o Nadal aos que podedes acceder dende este enlace:
http://www.coordinadoraendl.org/nadal2010/recursos/index.php


Collede ideas para o concurso de decorar a porta da vosa aula.

14/12/10

Unha obra de arte

Para todos aqueles que vos guste a arte, aquí tedes un video que é unha verdadeira obra de arte. Trátase dun Morphing que recolle a evolución da figura da muller na pintura ao longo da historia.
O Morphing é un efecto dixital de transición entre dous planos mediante cal o primeiro deles transfórmase gradualmente no segundo, a unha velocidade que ven determinada polo número de fotogramas intermedios e mediante un sutil fundido encadeado.
O vídeo titúlase "500 anos de Retratos femininos na Arte Occidental" e trátase dun traballo do creador norteamericano Philip Scott Johnson nominado ao mellor vídeo creativo nos premios anuais que concede o portal Youtube. Comeza co "Arcángel" da Escola rusa de Nowgord datado na segunda metade do século XII e remata co "Retrato de Françoise" de Pablo Picasso que data de 1946. A peza musical que se escoita é a Sarabande da "Suite para cello No. 1 en G Maior" de Johann Sebastian Bach.



Aqui tedes a lista de todos os autores e obras:

http://www.maysstuff.com/womenid.htm

12/12/10

Día dos dereitos humanos

Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que, de acordo con diversas filosofías ou fundamentacións, toda persoa posee polo mero feito da súa condición humana a garantía dunha vida digna; independentemente de cal sexa o Dereito positivo vixente e de factores particulares como o seu estatus, etnia ou nacionalidade.

Estes dereitos, habitualmente, defínense como inherentes á persoa, irrevogables e inalienables, o que implica que non poden transmitirse, enaxenarse ou renunciar a eles: ninguén, por exemplo, pode venderse como escravo. Por definición, este concepto de dereitos humanos é universal e igualitario, e incompatible cos sistemas baseados na superioridade dunha casta, raza, pobo, grupo ou clase social determinado


30/11/10

Día Mundial contra a sida




Os tempos económicos difíciles nos países desenvolvidos están debilitando os esforzos para deter a expansión mundial da sida, dixo o cantante de U2, Bono.
"Son tempos difíciles no mundo occidental", dixo a Reuters a estrela do rock irlandesa e activista tras inaugurar o Día Mundial contra a sida, que se conmemora o 1 de decembro, no Teatro da Opera de Sídney.
Bono dixo que os organismos encargados de deter a síndrome de inmunodeficiencia adquirida "estaban loitando duro pola financiación" case tres décadas despois de que a enfermidade fora diagnosticada por primeira vez.
Agregou que se necesitaban máis cartos para cumprir o obxetivo establecido polo Fondo Mundial para eliminar a transmisión do virus do VIH das nais embarazadas aos seus fillos nonatos para o 2015.

Visita ao Real Arquivo de Galicia, Real Academia Galega e Casa-museo Emilia Pardo Bazán

O pasado día 16 de novembro os alumnos de 1º de Bacharelato fomos a unha excursión didáctica organizada pola Biblioteca do noso instituto. Visitamos o Arquivo do Reino de Galicia, onde primeiro recibimos unha explicación de cal é a súa función e logo vimos o proceso de restauración dos documentos antigos.
Despois fomos á Real Academia Galega, onde non ensinaron o lugar no que se reúnen os académicos, as funcións da Academia e a organización dos seus membros.
Por ultimo, visitamos a Casa-museo Emilia Pardo Bazán, onde nos falaron da súa vida e da importancia da súa figura na literatura da época.
Xisela Díaz, Leticia Vázquez, Yolanda Fernández 1º Bach. B





“A visita foi moi interesante xa que aprendimos moitas cousas novas, como a forma en que se recuperan os documentos antigos e todas as actividades realizadas na Real Academia Galega”
Alejandra Piot, Beatriz Simó 1º Bach. B

“Pareceume interesante coñecer a vida dunha escritora que tivo tanta importancia na súa época. Tamén me gustou a demostración de cómo se restauraba un documento antigo. En definitiva, recomendo esta visita”
Sabela Arenas 1º Bach. A

“ Foi unha visita interesante. Gustoume máis a Real Academia, xa que houbo moitas intervencións para a lectura de fragmentos na sala como se ti foses un académico. A visita ao museo tamén foi boa, sobre todo para a nosa cultura e saber un pouco máis sobre Emilia Pardo Bazán”.
Iván Mazás 1º Bach. B





Unha das cousas que máis nos chamou a atención a todos:

24/11/10

25 de Novembro Día Internacional contra a Violencia de Xénero

25 de Novembro Día Internacional contra a Violencia de Xénero


Algo para ler contra a violencia de xénero: O inferno de Marta.
Resumo: Cando aceptou saír con aquel mozo, Marta non sabía que poñía un pé no inferno, e que a partir de entón sería tan doloroso penetrar como tratar de escapar de alí. Esta novela de Pasqual Alapont, escrita ao xeito dun thriller, con psicópata incluído, pon os pelos de pé. Esta é a historia de Marta, unha moza que se namorou da persoa equivocada; pero tamén é a historia dunha amizade a proba de bombas que cativa pola súa tenrura. O libro complétase con A máscara do amor, un texto no que o psicólogo e criminalista Vicente Garrido analiza os comportamentos de risco que calquera persoa moza debería ter en conta para evitar caer no inferno do maltrato físico ou psicolóxico. Un libro útil que combina unha novela emocionante chea de suspense e un práctico libro de autoaxuda.

22/11/10

O Magosto no noso instituto

Os alumnos de 1º e 2º de ESO fixeron estes bonitos murais sobre o magosto.


de

21/11/10

Fernández Paz rexeita o Premio da Cultura Galega por coherencia


O escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras que lle foi concedido onte polo xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Mediante un comunicado, Fernández Paz agradeceu a decisión do xurado de recoñecer a súa traxectoria, pero non o acepta.
No seu escrito, Fernández Paz remitese ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro que solicitaba a todos os intelectuais do país que, en caso de ser premiados, rexeitaran eses galardóns. O principal motivo que expuña Prolingua no citado manifesto –titulado Rosalía nunca aceptaría ese premio– é o trato que a Xunta de Galicia está a ter coa lingua e a cultura galega

Novidades

Tedes aquí o Booktrailer de promoción da novela «Todo é silencio» de Manuel Rivas, editada orixinalmente en lingua galega por Edicións Xerais de Galicia. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez. A música e a interpretación é de Lara Domínguez. (En Brétemas)

13/11/10

160 Aniversario do nacemento de Robert Louis Stevenson

Robert Louis Stevenson foi un novelista, poeta e ensaísta escocés. Posúe unha gran obra que inclúe relatos de viaxes, aventuras e novelas históricas, así como a poesía e ensaios. É o autor dalgunhas das historias fantásticas e de aventuras máis populares como A illa do tesouro, O estraño caso do Dr Jekyll and Mr Hyde ou A frecha negra que foron adaptados para nenos e levadas varias veces ao cine no século XX.
Recomendación de lectura: A illa do tesouro.
Á pousada do almirante Benbow, chega un pirata que se fai chamar Capitán e leva un misterioso cofre. O pirata morre e Jim, o fillo do pousadeiro, descobre un mapa no cofre. É o mapa do tesouro do capitán Flint, escondido nunha illa. Nunha bonita goleta, La Hispaniola, Jim e un grupo de piratas comezan a travesía en busca da illa do tesouro . A novela narra, ademais dunha viaxe en busca do tesouro de Flint, a evolución de Jim, un orfo desamparado que chega a converterse nun auténtico home.


Premio Planeta 2010


Eduardo Mendoza é o novo Premio Planeta 2010.É un dos novelistas máis coñecidos e de maior éxito comercial do panorama literario español na actualidade. A súa primeira novela La verdad sobre el caso Savolta foi considerada a precursora da narrativa española postfranquista. As súas novelas máis destacadas son El misterio de la cripta embrujada, moi recomendable para todos os alumnos. Anímadeos seguro que vos gusta. Outra novelas súas son: El laberinto de las aceitunas , Sin noticias de Gurb…

Premio Nobel 2010


Algo tarde pero nos sumamos á felicitación a Mario Vargas Llosa polo seu premio Nobel


Mario Vargas Llosa , escritor peruano con nacionalidade española desde 1993, recibiu o premio Nobel de Literatura 2010 . Este merecido premio foi longamente agardado polos lectores deste gran novelista.
O Nobel da literatura en lingua castelá foi concedido con anterioridade a outros escritores españois (J. Echegaray en 1904, J.Benavente en 1922, J.R.Jiménez en 1956, V. Aleixandre en 1977 e C.J.Cela en 1989) e hispanoamericanos (a chilena Gabriela Mistral en 1945, o guatemalteco Miguel A. Asturias en 1967, o chileno P. Neruda en 1971, o colombiano G. García Márquez en 1982 e o mexicano Octavio Paz en 1990).

Anímate e sube á Biblioteca temos exposto algunhas das súas novelas como La ciudad y los perros, Pantaleón y las visitadoras, La tía Julia y el escribidor, ¿Quién mató a Palomino Molero? e esperamos que proximamente tamén a súa última novela, publicada estes días, El sueño del celta, baseada na apaixonante vida do irlandés Roger Casement (1864-1916), personaxe real que segundo o escritor “tuvo una vida muy aventurera y realmente novelesca”.
Vargas Llosa dedicou tres anos a reconstruír a vida deste personaxe, defensor dos dereitos humanos: "No me acuerdo cuándo descubrí a este personaje, pero sí que fue al leer una biografía de Joseph Conrad. Al principio me despertó la curiosidad, sobre todo porque vi que había estado en la Amazonía, en el Perú amazónico. Empecé a buscar materiales sobre él y cuando me quise dar cuenta ya me había atrapado", dixo o escritor.

8/11/10

Biblioteca Rialeda


Os segundos da ESO fixemos unha visita á Biblioteca Central de Oleiros, Rialeda.
Está ubicada nun exquisito edificio modernista, construido a principios do século XX polo arquitecto Rafael González Villar e rodeado duns xardíns moi ben coidados.
Alí, acolleunos Mari Luz, a bibliotecaria, que moi amablemente amosounos as distintas dependencias, contandonos a historia da casa e da zona, continuando con, “cómo se busca un libro?”, o sistema de préstamos, a súa coodinación coas outras bibliotecas municipais, etc.
Rematamos coa representación dun conto de Cunqueiro (Tristán García) a cargo de Ramiro Neira que nos resultou moi divertido.



Heloisa Fernándes Ribeiro de 2º ESO C , dí:
"Eu penso que a excursión que tivemos foi moi divertida e entretida, edemais de aprender. A biblioteca de Oleiros é moi bonita, está ben organizada, con libros, dvds, cds de moitos tipos. Veu tamén un contacontos a falarnos dun libro ( pareceume moi gracioso".

7/11/10

Tempo de Samaín. Tempo de ler

Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.

Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes.



Lecturas para tremer. Libros para arrepiar.

Se de medo queres tremer, escolle ben o que vas ler.


28/10/10






Comezamos este curso con novas lecturas no noso club “O cubil do Xabarín”. Anímadevos a participar nesta viaxe por distintos mundos descoñecidos a través dos libros.
Cando Hitler roubou o coello rosa
JUDITH KERR
Tradución ao galego de Mª. Carme Ares
Ilustracións da autora
Alfaguara, Madrid, 1990
ISBN 84-204-5059-6

Algúns lectores infantís séntense un tanto enganados co título da famosa obra autobiográfica de Judith Kerr. Quixeran que lles contaran máis cousas do coello rosa que a protagonista Anna abandona en Berlín, de onde a súa familia de orixe xudía foxe durante o ascenso do partido nazi nas eleccións do 1933. Pero o coello rosa non volve aparecer en todo o resto do relato. Esa infancia de peluxe é precisamente o que lle rouban a esta nena Anna, máis afortunada nisto que a súa tocaia Anna Frank.

A realidade impónse ás veces de forma tan cruel coma neste caso en que Anna escoita por riba do libro que ten entre as mans a conversa entre a súa nai e a súa avoa (Omamá). Sen embargo, pesar do fuxida de Alemaña, do refuxio primeiro en Zurich e logo en París para rematar en Londres, coas penurias económicas e dificultades idiomáticas, Anna considera ao final que a súa non foi unha "infancia difícil". Por que? A resposta tamén está no libro.
Neste comezo de curso 2010-2011 ... queremos ir empezando a falar do que nos gusta e que nos une en relación ós libros aínda que, xa o sabemos, non son "bos tempos para a lírica".

Neste club de lectura temos que ir pensando nas nosas lecturas para o ano e en novas propostas para facermos todos xuntos. Nós xa temos varias ideas!!!
Bicos lectores

30/9/10

Homenaxe a Labordeta

Por Cris Asensio

"Habrá un día en que todos
al levantar la vista
veremos una tierra que ponga libertad"
Con estos versos cheos de esperanza comenza Labordeta o seu Canto a la libertad.
Desde a nosa biblioteca Luísa Villalta traemos hoxe unha agarimosa lembranza de José Antonio Labordeta, aragonés nado no ano 1935 e falecido no pasado mes de setembro. José Antonio foi un home polifacético, cantautor, político, profesor de ensino medio na especialidade de xeografía e historia e tamén poeta, pero sobre todo foi un fervoroso defensor da liberdade e da súa terra, Aragón a quen representou durante oito anos -do 2000 ao 2008- no congreso dos deputados. Labordeta é para os galego e galegas todo un exemplo a seguir.
Sentimos que a mellor homenaxe que lle podemos oferecer todos nós desde aquí é a lectura emocionada de versos seus como:
VERSOS COMO BESOS
Los versos se hacen versos
en los atardeceres del otoño
y en el corazón somnoliento
se abren los ríos de luz
y de esperanza.
Es como si todo
volviese a empezar
de manera infinita
y transversal.

14/6/10

A escritora Conchi Regueiro


Hoxe subimos un comentario moi especial. Trátase de Conchi Regueiro que nos deixou unha opinión ao post que fixemos para dar noticia da súa visita e di así:


"Moitas grazas polo post. Espero que nun futuro próximo volvamos reunirnos para falar de lliteratura aí en Sada. Unha aperta a profesoras, alumnas e alumnos do IES "Isaac Díaz Pardo" paseino moi ben ese 5 de maio.


Conchi Regueiro"


A expresión "futuro próximo" vindo dunha escritora de ciencia-ficción soa moi ben ¿a que sí?


Grazas, outra vez, Conchi, para nós foi todo un placer.

9/6/10

Derradeiro clube de lectura con Cris Asensio


Onte día oito de xuño realizouse no 2º recreo o último clube de lectura. Este foi un dos máis especiais xa que cada un trouxo os seus libros favoritos. Consistía en que cada un de nós levara un máximo de tres libros, falar un pouco deles de maneira que aos demáis lles interesara lelos.

Tivo moita aceptación xa que nos xuntamos 4º de ESO e 1º de bacharelato.

Para sorpresa de todos houbo un sorteo de dùas entradas de cine e ao final agasallos para todos!

Este foi especial sobre todo porque foi o último con Cris, pois danos moita pena que o ano que vén non vai estar neste instituto.
Biquiños!



Leticia Mosquera, Xisela Díaz e Alejandra Piot 4ºC

1/6/10

Conchi Regueiro e a Ciencia-Ficción






O pasado 5 de Maio, Conchi Regueiro participou no noso clube de lectura. Veu disposta a comentar con alumnos e alumnas de 4º da ESO a súa obra de literatura xuvenil A herdanza do marqués. O encontro resultou moi entretido a pesar de que se alongou durante hora e media. Moitos dos presentes fixemos preguntas á autora relacionadas coa obra, como a de unha alumna que se interesou pola xénese da novela. Conchi contounos que a hstoria xurdira "unha noite de copas por Ourense " cando estaban a falar da evolución da especie humana e entón ocurriuselle xogar coa hipotética evolución dos lobos a seres humanos. Contounos que tiña ganas de facer un relato de terror e foi así como recorreu ao mito do "lobishome". Á pregunta de por que escolle a ciencia-ficción responde dicindo que "as posibilidades deste xénero son inmensas e que ela quere contar unha historia e facelo do xeito máis orixinal e honrado posible".

Falounos tamén de outras das súas obras como Un marciano neste mundo e O tesouro das ánimas. Recomendounos tamén a lectura da súa última obra La moderna Atenea, da que di que é unha nova proposta de Ciencia-Ficción. Outras das preguntas destacabeis foi sobre a lingua na que a autora prefire escribir, ao que respondeu que ten a inmensa sorte de poder facelo en galego e en castelán:
"encántame manexar idiomas. O manexo de dúas linguas é unha riqueza".
Por último escritora díxonos que Un mundo feliz de Huxley, 1984 de G. Orwell, ou en xeral as obras de Julio Verne, H.G. Wells ou Philip K. Dick foran obras favoritas na súa mocidade. Na actualidade destacou a outros autores galegos de xénero como Isidro Novo coa obra Un escuro rumor tralo silencio.
Grazas Conchi! Desde o noso clube de lectura A cova céltica queremos agradecerche moi sinceramente a túa lección maxistral.

11/5/10

O marcapáxinas das Letras Galegas


Un grupo de alumnas de 4º de ESO diseñaron un fermoso marcapáxinas inspirado en poemas de Uxío Novoneyra. Cristina Gutiérrez realizou o debuxo e Bea, Leticia e Yolanda redactaron un pequeno texto sobre a vida e obra do autor que figura no reverso do marcador. Durante estas últimas semanas subimos á biblioteca moitos días e alí lemos os poemas de Os Eidos
e interpretámolos. Finalmente seleccionamos dous para incluílos. Na realización do deseño colaborou a profesora de Plástica. Os marcadores poderedes recollelos de balde na nosa biblioteca nestes días para que os disfrutedes marcando a páxina do libro que estades lendo.


"COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!

eiquí síntese ben o pouco que é un home..."
(U.Novoneyra)

7/5/10

Perdona pero quiero casarme contigo



Tralo éxito de Perdona si te llamo amor, Federico Moccia deleitanos coa segunda parte da historia de Alex e Niki, que máis namorados que nunca, ao voltar dunhas vacacións románticas na Isla Azul, enfréntanse a novos retos que poñeran a proba o que sinte un polo outro.

Nesta parte Federico Moccia invítanos a reflexionar sobre a verdadeira natureza do amor, sobre a felicidade, os soños e o compromiso, e plantéxanos a gran pregunta...Pode o amor durar para sempre?

3/5/10

Últimas adquisicións da Biblio




Uxío Novoneyra é o autor a quen se lle dedica este ano a Festa das Letras.

Os libros de Carme Blanco e Fran Alonso achégannos ao universo biógrafico e literario de Uxío Novoneyra, a través de anécdotas e dunha aproximación aos seus poemas: O Courel, a infancia, a Guerra Civil, Os Eidos, Os días de Brais Pinto, a lingua de María Mariño, o Novoneyra beat do 68, as caligrafías.......

30/4/10

Asesinos sin rostro, no Club de Lectura


É a terceira vez que Uxío Pedreira, bibliotecario de Oleiros, participa no noso faladoiro. Desta vez a cita é sobre Henning Mankell e Asesinos sin rostro.
Comeza dando unha reseña do autor, o sueco Mankell, nacido no ano 1948, e que vive a cabalo entre Suecia e Mozambique.
Mankell na súa obra resalta o cambio que ten lugar no país desde os anos 70 á actualidade, nesa época estaba moi mal vista a opulencia, o derroche, a xente era discreta no gasto (en parte pola cultura protestante), eran solidarios e non racistas.
En Asesinos... (así como en toda a saga: Los perros de riga, La quinta mujer...) o policía protagonista Kurt Wallander de 40 anos, norte-europeo, que é abandonado pola súa muller e ten mala relación coa súa única filla tamén co seu pai, non conserva os amigos e mete a pata nas novas relacións... ademais leva unha vida desordenada e só vive para o traballo.
O argumento trata da busqueda do home que asasinou cruelmente a un apacible matrimonio de anciáns que viven nunha granxa... hai que encontrar a chave que debe xirar....

23/4/10

14 de Abril, día da República



O día 14 de abril, Vicente Piñeiro veu ao noso instituto a dar unha charla sobre o seu libro, A morte dun editor. Falounos de como se viviu a guerra civil e deunos a súa opinión ao respecto dos asasinatos que se cometeron a persoas inocentes naqueles anos. Contounos que daquela para poder escribir sen problemas coas persoas que se citaban no libro, púxose o seudónimo de Cascudo de san Cibrán, Cascudo polo seu avó e San Cibrán era o apelido do pai.




Ao final, moi amablemente asinou os libros dos rapaces e recibiu un regalo de parte do instituto.



Feito por: Andrés Varela Pérez, Anaís Paredes Cabado e Mario Roca Couceiro (1ºbach)

16/4/10

Os Eidos de Uxío Novoneyra

-

Atopei este video no Centro de documentación da AELG no que Afonso Becerra recita dous poemas de Uxío Novoneyra do libro Os Eidos: Cousos do lobo e Vai polo monte o camiño. Isto é unha "miña-xoia", un agasallo ¡ para disfrutar e aprender!

31/3/10

Uxío Novoneyra e Os eidos


Rincha o cabalo rinchón
peta o piquelo no encino
resga o gaio unha canción
e guíndaa dindes do ar
e vai voando sin tino
buscando outra noutro brelo
que ha de ter o mesmo sino.

Enche o cuco o val co seu cantar.


U.Novoneyra

30/3/10

A praia dos afogados

A praia dos afogados foi o libro que comentamos a semana pasada na nosa tertulia de A Cova Céltica. Luís Domínguez, médico de profesión, foi a persoa invitada nesta ocasión para comentarnos a obra de Domingo Villar. Entre o público estaban alumnos e alumnas de bacharelato e 4º da ESO, ademais contamos coa presencia da nosa directora. A tertulia foi moi entretida e os alumnos tamén tiñan curiosidade por saber cousas da profesión de médico. O doctor Domínguez respondeu con moita amabilidade e claridade a todas as preguntas formuladas e ademais aproveitou para falar da súa vocación de médico e insistiu moito na importancia de ler, novelas, ensaio... Posteriormente e como xa vén sendo habitual nos nosos clubes sorteamos entradas de cine entre os asistentes. Ao remate da sesión Luís Domínguez asinou no libro das visitas, deixándonos unha fermosa dedicatoria dirixida a todos os alumnos e alumnas do centro.

24/3/10

Ana Pillado e O día da muller






Ana Pillado participou o pasado día 9 de marzo nun clube de lectura que organizamos para conmemorar o día da muller. Ana presentou tres libros de tres escritoras diferentes:

As chaves do tempo da nosa benquerida Luísa Villalta, A xeira das árbores de Teresa Moure e Un cuarto de seu de Virxinia Woolf, libro este último do que dixo que exercera sobre ela unha grande influencia na súa etapa de adolescencia, marcándolle un camiño cara o feminismo.

Ademais agasallounos cun libro seu Fábula Mater (poema en 12 actos) composto por poesía e ilustracións que ela mesma fai. O libro foi dedicado para as "rapazas e rapaces" do IES.

Ana Pillado é profesora e ademais escribe, debuxa, e fai ilustracións como as capas do libro que reproducimos aquí

26/2/10

Crepúsculo e Pedro Ramos





O día 24 de febreiro veu o instituto o escritor Pedro Ramos para comentar o libro "Crepúsculo", todo un best-seller mundial.
No clube de lectura comentamos moitas cousas, por exemplo, se nos gustaba o actor que escolleran para o papel protagonista, Edward Cullen e tamén se a historia era orixinal ou non.
Tiñamos que convencer á directora de que lera os libros, e conseguímolo. A maioría dos alumnos estabamos de acordo con que "Lúa Nova" era o peor da saga e "Eclipse" o mellor.
Tamén comentamos que papel desempeñaba a manada Quileute na saga. E, por último, chegamos á conclusión de que fixeron un estudo de mercado para saber que era o que máis lle gustaba ás adolescentes.
En definitiva, un clube de lectura que nos gustou moitísimo e esperamos que se repita con seguintes libros da saga.
Beatriz Simó e Yolanda Fernández 4ºB

24/2/10

Club de lectura: A esmorga


Este pasado venres 19, os alumnos de 2ºC de Bachalerato fixemos un pequeno clube de lectura no que cadaquén expuxo as súas impresións e conclusións acerca do libro que leramos, “ A esmorga”.A esmorga é un libro escrito por Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897 – Vigo 1979).A obra foi publicada no ano 1959. Nela, o autor, cóntanos unha historia que lle contara o seu tío e que sucedera cando só tiña 5 anos, polo que é unha historia de comezos do século XX .


“Esmorga” é unha palabra galega moi enxebre e que significa algo así como troula, festa.Toda a obra está ambientada nesa época e conta a historia de tres mozos(Cibrán, o Bocas e o Milhomes) que pasan unha noite de troula con graves consecuencias. A historia é contada por un deles, Cibrán, que a través do recurso do fío telefónico ( Cibrán fala con alguén que o está a interrogar pero os lectores non sabemos as respostas do receptor) nárranos como sucederon os acontecementos. É así pois un drama cheo de recursos cómicos, pois ás historias graciosas que lles ocorren, ademais hai que engadir o vocabulario vulgar que chegan a empregar os personaxes, co que o autor consegue facernos escachar de risa.No noso clube, as principiais conclusións que tiramos todos son que, por unha parte, é un libro entretido é fácil en canto á trama, pero un pouco complicado en canto á linguaxe que utiliza, pois é unha variante dialectal propia da cidade onde está ambientado, en Auria (Ourense). Outro aspecto que merece ser mencionado é o feito de que nesta obra Blanco Amor danos unha visión distinta da sociedade, pois a través dela fai unha forte crítica á mesma facendo fincapé nas diferencias existentes entre as clases sociais e facendo unha forte crítica á falla de comunicación que había coa xustiza, dado que os xuíces eran foráneos e non entendían o galego. En conclusión, invítovos a todos a que vos anímedes a ler esta obra, que é un fito da literatura galega.


Unha aperta, vémonos de esmorga!.


Sabela (2ºbach)

18/2/10

Club de lectura: Ollos de agua

Domingo Villar




O martes día 11, reunímonos ás cinco da tarde na nosa biblioteca para comentar cun grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato a novela Ollos de agua de Domingo Villar, da que destacaron que era interesante que unha novela de xénero policíaco estivese ambientada en Galicia, concretamente na cidade de Vigo. Deste xeito o seu autor aproveita así para amosar a súa terra, os seus costumes, as xentes, as formas de vida galegas. Os personaxes tamén foron amplamente comentados, especialmente o inspector Caldas e o seu axudante Estevez, destacando o contraste existente entre eles. Finalmente, o desenlace da obra foi outro dos puntos de interés da análise e o comentario bastante unánime foi que decepcionou un pouco. As opinións máis secundadas foron as de que todo sucede demasiado depresa e dun xeito brusco, como se houbese que rematar o relato e non se soubese moi ben como facelo ou como se houbese presa por acabar.
De todos xeitos o balance xeral foi positivo e a novela gustou. Quedamos para ler a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados. Ademais este libro levounos a outros do mesmo xénero e unha profesora propuxo ler Asasinos sen rostro do autor sueco Henning Mankel.


Así que xa sabedes, apuntádevos a algún dos dous libros que seguro que o disfrutaredes.