31/1/09

A casa dos Lucarios na Cova Céltica


O pasado xoves día 29, un grupo de rapaces e rapazas de 4º e 1º de Bach acudiron pola tarde ao primeiro clube de lectura deste ano 2009. Inauguramos nesta ocasión unha nova modalidade que chamamos de "club pechado" e que consiste en que os alumnos que queiran vir se anotan nunha lista e se comprometen a ler unha obra da que falaremos entre todos o día da reunión. A verdade é que foi todo un éxito de participación, algúns dos asistentes opinaron que había demasiada xente (28 persoas) e que sería mellor que se fixesen con grupos máis reducidos para que todo o mundo puidese intervir con algún comentario, pero en xeral a experiencia gustou moito e xa quedamos de repetila para o próximo mes. A lectura proposta para febreiro é Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz e que será presentada por un equipo de catro alumnas de 4º de ESO A e B.

27/1/09

A Cova céltica presenta: A casa dos lucarios




O vindeiro xoves, 29 de xaneiro imos celebrar un novo clube de lectura que será o primeiro deste ano 2009. Con el inauguramos unha nova modalidade que chamamos "club pechado" e que consiste en que nos xuntaremos cada mes para falar dun libro que previamente nos comprometemos a ler. O libro pode ser proposto por calquera das persoas dispostas a participar no club. Para esta ocasión escollemos a novela breve titulada A casa dos lucarios da escritora Teresa Moure. A continuación recollemos algunhas das críticas realizadas polos lectores deste libro:

"É un libro interesante, xa que nos permite coñecer como eran a vida e os costumes nas aldeas galegas a mediados do sécdulo pasado. A autora quizais pretenda facer unha homenaxe a esa Galicia rural e darlle a coñecer ese mundo ós xóvenes de hoexe que descoñecen case por completo a forma de vivir dos seus bisavós"


Xoana Ferreira Tembrás ( 4º ESO A)




"Este libro fala principalmente da evolución dunha familia, de como se instalaron na aldea de Ferreira e como a casa ía crecendo a medida que aumentaba a familia. Na historia tamén se reflexan os cambios e os avances da sociedade nos últimos tempos e como unha aldea illada se foi transformando e foise abrindo aos novos tempos pouco a pouco"


Paula Ramos Fariña (4º ESOA)




"A autora ó remate da obra dá por feito que o importante nunha familia é asentarse nun lugar e estar orgulloso do sitio onde vives"


Jorge Posse Pardo (4ºESO B)




"O que máis me gustou foi a explicación sobre a orixe do nome champán: "sería porque o tapón ao sair da boca da botella, facía un ruídiño así como CHAM- PAN!!"


Iago Monzo Souto (4ºESO A)

16/1/09

A Cova Céltica rende homenaxe a Suárez Picallo











O ano 2008 foi escollido como "ano dos irmáns Suárez Picallo" e un dos últimos actos que se realizaron para contribuir coa homenaxe foi un clube de lectura dedicado a esta figura e con tal motivo acudiron ao noso centro Moncho Tenreiro (fotografía da esquerda) e Manuel Pérez Lorenzo(foto da dereita). Moncho Tenreiro é o sobriño de Ramón Suárez Picallo, quen con simpatía encargouse de dibuxar un perfil humano e biográfico do seu tío. Manuel Pérez Lorenzo (antigo alumno do noso instituto), presentounos a obra Escolma de textos en galego, da que é coautor, ademais de proxectar unha cortametraxe preparada por el, basada na figura de Picallo.

Na escolma podemos ler textos como este:

"¡Orzán, pano de bágoas dos que se alonxan da Terra Galega pra non vela quizaves máis...!
porque fuches o mar dos meus anos nenos; porque lle falaches ó meu esprito, alelado, diante de ti, da maxestade da nai natureza, porque enseñaches ós nosos mariñeiros a ser valentes diante do perigo, i-ainda da morte, eu quérote lembrar, meu Orzán, e quero tamén desentranar o senso das tuas verbas varudas, das verbas en que falas c´a túa amiga a Torre de Hércoles -milenaria tamén- do pasado e do porvir"

LEMBRANZAS DO ORZÁN (Buenos Aires, primavera de 1925)





12/1/09

Festa de Nadal

Velaquí algunhas das imaxes da nosa Festa de Nadal: as árbores gañadoras do II Concurso de Árbores de Nadal, os murais que realizaron os alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º da ESO e ¡como non! a interpretación de panxoliñas en diferentes linguas (galego, inglés, francés, latín...) que foi todo un exitazo. De seguro que no ano 2009 repetiremos! FELIZ 2009, meus!!