11/2/10

Catalogando libros, atopeime con este da colección O Moucho que editara en tempos Edicións Castrelos. Chámase O Libro do Amor, está recollido da Literatura Popular e a escolma faina Darío Xohán Cabana, (o académico e poeta que nos visitou o curso pasado). Pasando as follas e vendo as datas en que estamos, pensamos que sería bonito que os namorados dérades de agasallo....un verso. Aí van algúns:

Amoriños collín
á beiriña do mar;
amoriños collín,
non os podo olvidar.

As estrelas corren, corren,
todas nunha carreiriña;
tamén corren os amores
da túa man para a miña.

Meus ollos choran por verte,
meu corazón por amarte;
meus pés, por chegar a tí,
meus brazos, por abrazarte.

Tamén atopamos para os desenganos amorosos:

Namoréime, namoréime,
non me soupen namorar;
namoréime dunha nena
que non me soupo estimar.

O día que me esqueciche
¡ meus ollos cánto choraron!
Tanto foi, que dos meus ollos
seca a fonte me deixaron.

Os ollos con que me miras
ollos de taimado son;
non fagas decir ós ollos
o que non dí o corazón.



Ou versos retranqueiros para os namorados:


Coidan os enamorados,
coidan e non coidan ben,
coidan que ninguen os mira
e todo o mundo os ve.

Maruxiña vai na fonte,
moito tarda, que non ven;
ou rompeu o cantariño
ou moitos amores ten

No hay comentarios: