26/1/07
Visita ás Bibliotecas Universitarias
Visita ás Bibliotecas Universitarias
O alumnado do 2º curso de Bacharelato visitou o día 22 de xaneiro dúas Bibliotecas Universitarias, as das Facultades de Filoloxía e máis de Informática, dentro do marco da Formación de Usuarios do Programa de Mellora da Biblioteca do Instituto.
A formación comenza no 1º curso da ESO coa aprendizaxe do uso da Biblioteca para o traballo e o lecer, e continúa nos cursos sucesivos: no 2º curso, realízase unha actividade de coñecemento da Biblioteca Municipal de Sada e, xa nos cursos 3º e 4º, pásase ás visitas de dúas Bibliotecas na cidade da Coruña: a do “Fórum Metropolitano” (3º) e a Provincial “González Garcés” (4º). No Bacharelato, amplíase o proceso coas visitas ó Arquivo do Reino de Galicia e máis a unha Biblioteca Universitaria de Ciencias e outra dunha Facultade de Letras.
Neste último caso, ademáis, a visita inscríbese, pola parte universitaria, nunha campaña de achegamento do mundo universitario ós estudiantes de Secundaria e Bacharelato, polo que non se limita a ver a Biblioteca senón que se amplía a máis instalacións: laboratorios, aulas de informática para o alumnado, aulas especiais (Salón de Graos, Aula Magna)... Por outra parte, ofréceselles amplias explicacións sobor da transformación tecnolóxica das mesmas. E neste contexto, é importante salientar non só as referencias ás páxinas web das Facultades senón, específicamente, ás das Bibliotecas, coas correspondentes ligazóns entre elas, para facilitar a investigación.
Ó alumnado gustóulle a visita en xeral, aínda que a actividade ten que continuar na aula de Informática, consultando os diferentes catálogos e, dun xeito especial, as revistas electrónicas. E non podemos deixar de comentar dúas cuestións claves: a primeira é o ofrecemento explícito das Bibliotecas Universitarias ó alumnado e, en xeral, ós usuarios externos. A segunda é, a súa vez, un comentario dunha persoa, traballadora nunha das Bibliotecas, que dirixiu a visita sobor do uso da Biblioteca polos estudiantes: en xeral, é unha sala de estudio pero non consultan os libros. Un novo reto para a Formación de Usuarios.
por Ángeles Calvo
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario