1/11/13

As orixes de Halloween

Inda que as orixes máis lembradas da festa son americanas, a verdade é que até 1845 o Halloween non foi celebrado naquel país, alomenos dun xeito aberto. Os "pais pelegríns" dos Estados Unidos, imbuídos pola súa fervenza relixiosa, ou ben descoñecían a existencia desta festa, ou ben sinxelamente prohibiron celebrala.
Pero en 1845-46 un suceso de carácter histórico ía cambiar esta posición. Foi a grande fame que aconteceu en Irlanda a causa das malas colleitas da pataca. Daquela, a illa británica estaba poboada por aproximadamente 12 millóns de persoas. Só dez anos despóis a poboación era de 6 millóns, e inda hoxe non é máis grande. ¿Onde foron todos estes irlandeses? A meirande parte emigrou ós Estados Unidos, e o porto de New York converteuse nun fervedoiro de xente chegada da illa esmeralda, que traía a súa relixión (o catolicismo) e as súas tradicións como o era Halloween.

A tradición, polo tanto, non foi creada en América, senón que esta proviña de Irlanda, onde se gardaron mellor as antigas tradicións celtas e druídicas.
Orixinalmente esta festa druídica chamábase "a vixília de Saman". O nome de "Halloween" ven do intento de cristianizar esta festa pagana, concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a "Tódolos Santos" o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamado "Día de Tódolos Santos" (ou All Hallow's Day en inglés) e cedo chegóu o costume de chamar á tardiña antes "All Hallowe'en", que acurtado é HALLOWEEN.
Pero o feito importante é que a cristianización desta festa celta fracasou,
mentres que noutras festas coma Pascuas ou o Nadal o pobo esqueceu a verdadeira orixe da festa, co Halloween foi ó contrario.



En efecto, a celebración orixinal non se chamaba Halloween, senón SAMAN, SAMAIN ou SHAMHAIN (a verba pronúnciase "xao-in"), e comezou moito antes de Cristo entre os antigos pobos celtas.

Para os historiadores cristiáns, os celtas observaban uns rituais no fin do
verán e facían sacrifícios a Samaín, que era o seu deus da morte e dos malos
espíritos. Con esta festa sinalábase o comezo do novo ano celta.

Estes historiadores afirman que o deus dos druídas chamábase Saman, Samana, Shamhain ou Samhain, e que esta festa era chamada "a vixília de Saman". A moderna versión deste deus é ese macabro esquelete cunha fouce na man que sen dúbida veriades algunha vez nas películas. O esquelete é coñecido hoxendía entre os americanos coma the grim reaper (o segador macabro).


No hay comentarios: